Paula Quinteiro: “O feminismo e a educación en Igualdade nunca foron unha prioridade para os gobernos do PP”

En Marea condena os últimos asasinatos por violencia machista e anuncia propostas para que “o clamor da rúa se materialice en medidas concretas”
Publicado por o día 11/03/2019 na sección de En Marea,Política

Paula Quinteiro: “O feminismo e a educación en Igualdade nunca foron unha prioridade para os gobernos do PP”

Tralo rotundo éxito das mobilizacións feministas do pasado 8 de marzo, a deputada Paula Quinteiro condenaba hoxe en rolda de prensa, o asasinato de tres mulleres por violencia machista en menos de 48 horas, dúas delas galegas. “O 8M é unha data fundamental, onde adquiren centralidade todas as reivindicacións feministas e se fala moito de Igualdade”, sinalou a parlamentaria de En Marea, “peor non pode quedar como unha data illada no calendario, a perspectiva de xénero debe estar presente os 365 días do ano de maneira transversal”.

Para Quinteiro, a Xunta de Galicia lonxe de asumir esta cuestión como prioritaria, mantén unha “actitude cínica sen límites” en referencia á imposición duns servizos mínimos abusivos durante a pasada xornada de folga feminista. “No ano 2018 tiveron sentenzas que os condenaban e este, de novo, volveron poñer trabas ás mulleres galegas para o exercicio dun dereito fundamental como é o dereito á folga”.

Outra mostra máis da dobre moral do PPdeG con este asunto foi o rexeitamento no pasado pleno de iniciativas fundamentais para a defensa dos dereitos das mulleres en materia de saúde. “Estamos asistindo a un retroceso neste tema”, denunciou Paula Quinteiro, “desmantelando servizos fundamentais como son os Centros de Orientación Familiar, neste caso na Coruña, mentres continúan derivando sistematicamente as mulleres que queren exercer o seu dereito a abortar a clínicas privadas sen ningunha explicación”.

En Marea volverá trasladar ao Pleno desta semana algunhas das propostas que se recolleron da xornada de folga feminista. “Unha na que solicitamos algo tan básico como o cumprimento da lexislación actual en materia de igualdade nos medios de comunicación e outra para por freo a fenda salarial, a fenda que existe nas pensións e tamén para avanzar no reparto do traballo de coidados, porque todos estes temas están moi vencellados”

“Estamos fartas que o PP fale de conciliación e fale de rematar coa fenda salarial cando no tempo que levan gobernando non puxeron en marcha ningunha medida para que esta situación remate porque a día de hoxe a súa práctica contradí os seus discursos”, lembroulles Quinteiro, que fixo referencia á denuncia das traballadoras do servizo de limpeza dos edificios da Xunta por mor da fenda salarial por razón de xénero que padecen”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.