Paulo Carril: “Xa non hai escusa para o que Goberno español non aprobe de inmediato unha tarifa industrial”

A CIG continúa coas mobilizacións para esixir medidas que garantan empregos e actividade
Publicado por o día 10/01/2020 na sección de CIG,Protestas,Sindicatos

Paulo Carril: “Xa non hai escusa para o que Goberno español non aprobe de inmediato unha tarifa industrial”

Na protesta, que se desenvolveu diante do edificio da Delegación do Goberno na Galiza (A Coruña), o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, valorou que unha vez investido o presidente, co novo Executivo a piques de nomearse e co primeiro Consello de Ministras e Ministros convocado para o próximo martes “xa non hai ningún tipo de escusa para o que Goberno español non aprobe de inmediato as medidas necesarias para rematar coa situación agónica que existe no sector pola falta dunha tarifa industrial”.

Unha agonía, engadiu, “que pode acabar en traxedia”, polas ameazas sobre o emprego e a continuidade na produción de aluminio en Alcoa San Cibrao; a incerteza na que segue sumida Alu Iberia; o ERTE, o descolgue salarial e o desmantelamento do convenio colectivo que pretende Ferroatlántica na planta de Sabón; a inseguridade que se vive en Ferroatlántica de Cee e Dumbría; ou as “nubes” que pesan sobre Celsa Atlantic.

“Todo isto obriga a que o Goberno español contemple entre as súas primeiras medidas a aprobación do estatuto do consumidor electrointensivo que dea unha solución definitiva”, recalcou. A este respecto, insistiu en que a inestabilidade política, a falla de goberno ou “a acumulación de mentiras destes últimos meses” non poden derivar en que sigamos sen ver ese estatuto aprobado.

As empresas aproveitan para aplicar recortes

Nesta liña, o secretario xeral da CIG denunciou tamén o proceder das empresas que aproveitan o argumento dos altos custes da enerxía para aplicar duras medidas de recortes de dereitos e de empregos. “Hai dous responsábeis nesta crise: a ineptitude do Goberno pola súa lentitude á hora de actuar e, por outro lado, unhas empresas que andan buscando que sexan os traballadores e as traballadoras as que paguen esta inacción”, advertiu.

Para Carril, esta pretensión resulta “intolerábel” e por iso a CIG seguirá coas protestas semanais “até que o Consello de Ministras e Ministros aprobe as políticas urxentes para evitar esta inestabilidade, incerteza e risco permanente sobre os empregos”.

Deste xeito, anunciou que a próxima concentración terá lugar o xoves 16 de xaneiro, ás 18:00 horas, diante da fábrica de Celsa Atlantic na Laracha, retomando así o formato de protestas itinerantes ás portas das factorías, que a CIG xa fixo nos meses previos ao verán.

Inacción das ministras de Industria e Transición

En canto á que repetición no cargo das ministras de Industria e Transición Ecolóxica, Paulo Carril, afirmou que “non serán ben recibidas en Galiza mentres non se tomen as medidas necesarias para afrontar a crise industrial que padecemos”. Unha crise que transcende o sector electrointensivo e que se fai visíbel no regueiro de expedientes de regulación de emprego, na rebaixa das condicións laborais, no recorte da produción ou directamente no peche de empresas rexistrados nos últimos meses. Puxo como exemplo os casos do naval público e privado, o peche das térmicas das Pontes e Meirama, o peche de Poligal ou a situación crítica en EMESA e en Isidro 1952.

Unha crise industrial na que ten parte de responsabilidade o Goberno galego “sumido na incompetencia e no deixamento de funcións, malia ter competencias nesta materia, e outra parte de responsabilidade recae no Goberno español, alleo á grave problemática que temos no noso país”.

Proposta de tarifa recollida no acordo PSOE-BNG

Neste punto, Carril fixo referencia á proposta sobre tarifa eléctrica industrial recollida no acordo para a investidura acadado entre PSOE e BNG “que vai na liña das medidas que a CIG vén reivindicando dende hai máis de un ano”. Por iso insistiu en que “o que fai falta é vontade política para aprobalas” porque “as alternativas existen”. Nese acordo, matizou, tamén se contempla a constitución, antes do 21 de marzo, dunha comisión interministerial para abordar a problemática do sector. “Agardamos que cando se constitúa esa mesa xa estea aprobado o estatuto”.

“Pode resultar desagradábel a nosa crítica, pero o sector está nunha situación  tan grave e cos empregos en risco tan enorme que non podemos permitir que se siga xogando e que estas ministras manteñan a súa actitude, pois nin ofreceron solucións nin atenderon as peticións de reunións”, denunciou Carril, engadindo que a día de hoxe o Ministerio de Industria aínda ten sen concretar as mesas de traballo que se comprometera a crear en relación ás fábricas de aluminio da Coruña e de San Cibrao.

Comentar noticia

Your email address will not be published.