Paz Vidal presenta a súa lista con experiencia, corazón e traballo para rematar coa inacción de 36 anos de goberno popular en Campo Lameiro

A candidata socialista estivo arroupada pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o secretario e a vicesecretaria do PSdeG-PSOE de Pontevedra, David Regades e Paula Fernández Pena
Por o 12/05/2019 | Sección: Política,PSOE
Paz Vidal presenta a súa lista con experiencia, corazón e traballo para rematar coa inacción de 36 anos de goberno popular en Campo Lameiro
Compartir en:

Rematar coa parálise de 36 anos na que o goberno do Partido Popular postrou a Campo Lameiro é o obxectivo que o Paz Vidal encabeza de novo a candidatura socialista neste Concello. Unha candidatura que esta noite se presentou na Alameda do Concello nun acto no que a candidata estivo arroupada pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o secretario xeral dos socialistas da provincia de Pontevedra, David Regades e a vicesecretaria do PsdeG-PSOE de Pontevedra, Paula Fernández Pena.

“Preséntome unha vez máis na terra onde nacín, onde vivo e onde criei aos meus fillos porque non quero que Campo Lameiro morra. E estáo facendo porque en 36 anos de parálise dos gobernos populares perdemos poboación, servizos e oportunidades, e non podemos continuar nesta deriva”, afirmou Paz Vidal, quen asegurou que “chegou o momento de abrir portas e ventás, como fixo Carmela Silva na Deputación. Chegou o momento do cambio e para iso presentámonos 12 mulleres e homes con experiencia e con ganas de traballar por este concello e pola súa veciñanza”.

Vidal lembrou que “contamos co apoio da Deputación de Pontevedra, que investiu nos últimos anos moitos cartos neste concello, que permitiron levar adiante saneamento e infraestruturas fundamentais”. Investimentos que supuxeron unha achega de máis de 1700 euros por habitante e un total de 3,1 millóns de euros en catro anos cos que se executou saneamento, mantemento e mellora de infraestruturas, contratación de traballadores ou mantemento de servizos sociais básicos así como o demandado centro de estancia, entre outras accións. “Temos ideas, temos ganas e temos experiencia. E podedes ter por seguro que ímoslle dedicar todo o esforzo e a porlle todo o corazón que faga falta para sacalas adiante se o 26 de maio contamos co voso apoio”, concluiu Paz Vidal entre aplausos.

“O vindeiro 26 de maio Campo Lameiro ten a oportunidade de cambiar o seu destino e poñer unha muller á fronte do concello. Unha muller con forza e cun proxecto de futuro que será quen de poñer en valor todo o potencial de Campo Lameiro e sacalo da desidia do seus gobernantes”, asegurou a presidenta da Deputación pola súa banda. “O mandato que agora acaba foi o de cruzarse de brazos fronte á realidade pero a realidade hai que lle facer fronte con ideas e o goberno actual carece delas. Cambiar para mellorar é o que vos propoño porque os recuros que ten recibido da Deputación, e que seguirá recibindo, teñen que ser para mellorar a vida da xente, para fomentar iniciativas que capten recursos, para fixar poboación e fomentar un turismo sostible nun municipio que ten que recuperar a ilusión e que ten que cambiar para garantir o seu futuro e a posta en valor duns recursos envidiables”, dixo Silva na súa intervención.

Propostas de futuro

“Aínda quedan moitas cousas que facer: precisamos emprego, vivenda e oportunidades para que a mocidade non marche do concello, precisamos recuperar o pediatra para Campo Lameiro, porque os 83 pequenos que temos no concello meréceno, temos que rematar o abastecemento que aínda non chega a moitas partes do concello e poñer en marcha servizos e programas de axuda aos nosos maiores”, dixo Paz Vidal, que esbozou algunhas das propostas do programa dos socialistas de Campo Lameiro, como a posta en marcha dun plan estratéxico de turismo para a posta en valor do concello neste ámbito, a construción de vivendas sociais ou a aposta polo polígono industrial.

Neste sentido, o secretario xeral dos socialistas de Pontevedra, David Regades, amosou o seu total apoio á candidatura socialista para impulsar o polígono de A Facha en colaboración coa Zona Franca, dando facilidades tanto económicas como burocráticas ás empresas para a súa instalación. “Cando esteas na alcaldía, Paz, contará con todo o meu apoio para darlle un pulo fundamental a este territorio para facelo atractivo para as empresas e fomentar o crecemento do emprego e das oportunidades para Campo Lameiro. Un Campo Lameiro con empresas, con traballo é un Campo Lameiro con futuro e ese futuro ten que vir da man das políticas progresistas que tí representas”, asegurou Regades.

Pola súa banda a vicepresidenta dos socialistas da provincia de Pontevedra amosou todo o seu apoio á candidata socialista e fixo fincapé na forza da ilusión e da experiencia que representa Paz, “unha muller forte e valente, que ten as ideas claras e que lle quere moito ao seu pobo e por iso vai traballar para darlle un futuro”, asegurou Paula Fernández. “Un futuro que só poderá vir da man dun goberno novo, progresista que traballará man a man co goberno da Deputación de Pontevedra, no que seguiremos xestionando os fondos públicos baixo os principios de redistribución equitativos e xustos, lonxe do clientelismo dos vellos tempos”. Fernández Pena destacou que da man de Paz Vidal e o seu equipo Campo Lameiro poderá comezar a construir un proxecto de vida e de futuro, atraendo recursos e captando actividade económica que permita poñerlle fin á sangría poboación que vive.

Comentar noticia

Your email address will not be published.