O Pazo da Deputación recibe a exposición do mural colaborativo de Amencer-Aspace feito durante o Día Mundial da Parálise Cerebral

No acto de presentación, a presidenta Carmela Silva destacou que “é un orgullo acoller esta exposición, fainos unha administración mellor”
Publicado por o día 23/01/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

O Pazo da Deputación recibe a exposición do mural colaborativo de Amencer-Aspace feito durante o Día Mundial da Parálise Cerebral

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asistiu este martes xunto a Digna Rivas, deputada de Cohesión Social, Carlos Godoy, director de Amencer-Aspace, e Mónica Touriño, xerente da asociación, á presentación da exposición do mural realizado por todos e todas as cidadáns que se quixeron unir a Amencer-Aspace na praza da Peregrina o pasado 4 de outubro para conmemorar o día Mundial da Parálise Cerebral.

Na súa intervención, Carmela Silva mostrouse “emocionada por acoller esta marabillosa obra de arte feita coas rodas das cadeiras de rodas” e resaltou que “para a Deputación é un orgullo que Amencer-Aspace elixise o Pazo provincial para presentar esta exposición, pois só polo feito de acollela xa somos unha administración mellor. Estou encantada de que todas as persoas que pasen por aquí poidan reflexionar, concienciarse e, en definitiva, comprometerse.”

Pola súa banda, Mónica Touriño, xerente de Amencer-Aspace, quixo “agradecer á Deputación por recibirnos nesta marabillosa casa, que é a casa de todos os concellos” e aproveitou para “invitar a todos e todas as cidadás da provincia para que veñan e gocen desta exposición que non deixa de ser unha mostra das pegadas da vida das persoas participantes.”

Nesta exposición, que se poderá visitar no hall do Pazo provincial ata a primeira semana de febreiro, poderase contemplar a obra pictórica e oito fotografías do que foi esa xornada na Peregrina na que a cidadanía puido acercarse a coñecer un pouco máis o traballo que desenvolve Amencer-Aspace.

Para rematar o acto, antes de facer un percorrido pola exposición xunto a traballadores e traballadoras e persoas usuarias da asociación, a presidenta da Deputación de Pontevedra afirmou que “con Amencer-Aspace estamos a recibir a unha asociación exemplar que defende a igualdade de oportunidades e traballa a diario para que as persoas con parálise cerebral poidan ter cubertos todos os seus dereitos e as súas necesidades.”