Peche campaña en Vigo con Miguel Barros

Publicado por o día 23/05/2015 na sección de Compromiso por Galicia,Política

Peche campaña en Vigo con Miguel Barros

– Bascuas : “Barros é imprescindible na corporación de Vigo, por iso ningún indeciso debe quedar na casa o domingo”

– O Secretario Xeral da formación galeguista pechou campaña xunto ao candidato á alcaldía de Vigo, Miguel Barros, e os 2 e 3 da candidatura, Inma López Silva e Xoaquín de Acosta Amosouse moi esperanzado en contar con moita presenza de Compromiso nas cidades, vilas e concellos rurais de Galicia, e afirmou que con independencia dos resultados, a “organización medrou nesta campaña e podemos e debemos sentirnos orgullosos”

 O Secretario Xeral de Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas, afirmou hoxe no auditorio de Afundación Abanca, en Vigo, que a presenza do candidato á alcaldía, Miguel Barros, na nova corporación viguesa, “é fundamental e necesario, para pararlle os pés ao Nerón socialista e para aportar a este concello o sentidiño que lle faltou estes anos de atrás”.

No mitin de peche de campaña, asegurou que “ a estas alturas ninguén pode pensar que é mellor quedar na casa, e resignarse a que todo siga igual, que levantarse o domingo coa esperanza de cambialo todo e votar a Compromiso”.

Salientou a solvencia ideolóxica de Barros e a súa candidatura e insistiu en diferenciar a súa formación dos “proxectos oportunistas e de partidos cuxos dirixentes teñen soltado todo o lastre ideolóxico para convertelos en máquinas de esquilmar ás institucións, á xente, a nós”. Por iso chama á militancia a aproveitar ata o último minuto de campaña para pedir o voto aos indecisos, cansos de tanta promesa incumprida e de ver e escoitar tantos casos de corrupción e malas praxes.

“Que leven con vós ás urnas o verde de Compromiso, o voto verde da esperanza nun concello e nun país diferente e mellor”.

O líder galeguista fixo unha reflexión sobre o valor intrínseco desta campaña para a súa formación.

“Compromiso medrou nesta campaña, esperamos moitas sorpresas positivas o 24, pero, con independencia dos resultados, medramos como organización, e seguimos camiñando para ser a forza galeguista e transformadora, capaz de ofrecer dende a socialdemocracia respostas eficaces ás necesidades do noso pobo”. Solucións “á altura dos gravísimos desafíos actuais, propostas que creen un horizonte de futuro prometedor e que nos axuden a saír do marasmo en que está mergullado o noso país”, concluíu.

PRENSA COMPROMISO POR GALICIA