Peche do Rouco e restricións en Barcelos para conectar a rede de pluviais de ambas marxes da rúa

Os cortes de tráfico están previstos para os días 17, 18 e 19 de setembro dende as 09.00 horas até as 19.30 horas. Fora desa franxa horaria, a zona volverá á normalidade.
Publicado por o día 15/09/2019 na sección de Galicia,Pontevedra

Peche do Rouco e restricións en Barcelos para conectar a rede de pluviais de ambas marxes da rúa

As obras de reforma da rúa Rouco afectarán ao tráfico rodado na praza de Barcelos na semana que vén. Os días 17, 18 e 19 de setembro a empresa adxudicataria da obra ten que conectar as canalizacións das augas pluviais entre os dous lados da rúa, polo que será preciso pechar o Rouco ao tráfico, e por conseguinte, afectará a toda a praza.

Para realizar estes traballos é preciso restrinxir o acceso rodado á praza de Barcelos agás residentes, garaxes e ao estacionamento soterrado. Tamén está previsto anular o acceso dende Benito Corbal cara a praza pola rúa Vasco da Ponte.

Nas tres xornadas o peche da rúa está previsto dende as 09.00 horas até as 19.30 horas, e fora desas horas a circulación na praza e na rúa volverá á normalidade.

Proxecto da rúa do Rouco

O proxecto da rúa do Rouco contempla a reordenación da rúa, redistribuíndo os espazos urbanos no ámbito do centro escolar, o que supón a ampliación dos espazos destinados á mobilidade peonil. Manterase unha liña de estacionamento en formigón na marxe dereita para servizos e para colocar os colectores de lixo. Esta beirarrúa terá un ancho de 3 metros; e no lateral esquerdo (no do colexio) a beirarrúa increméntase até os 5 metros.

A calzada será repavimentada e a beirarrúa crearase con lousa confinada entre bandas de granito. Procederase á eliminación das barreiras arquitectónicas e tamén se aproveitará para renovar as redes de pluviais e de sumidoiros.

O proxecto tamén contempla a colocación de novo mobiliario urbano (5 papeleiras, 7 bancos, e 10 aparcabicis), e a mellora da iluminación.