Pedro Duque visita o buque Sarmiento de Gamboa, que inicia un proxecto europeo de minería submarina

O buque do CSIC abre a campaña BLUE-Nodules, que estudará a minería submarina de metais cruciais para a fabricación de aliaxes, baterías e turbinas eólicas

O ministro en funcións de Ciencia, Innovación e Universidades, Pedro Duque, visitou hoxe o buque oceanográfico Sarmiento de Gamboa, unha das máis modernas instalacións científico-técnicas singulares do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), atracado no Porto de Vigo, que partiu pouco despois para iniciar a campaña BLUE-Nodules, un proxecto europeo que estudará a viabilidade da minería submarina de nódulos polimetálicos. Estes metais son cruciais para as tecnoloxías innovadoras de Europa, como a fabricación de aliaxes e baterías para automóbiles eléctricos, sistemas fotovoltaicos e dispositivos para turbinas eólicas.
 
O ministro visitou o buque acompañado polo secretario xeral do CSIC, Alberto Sereno; o delegado institucional do CSIC en Galicia, Antonio M. De Ron; o coordinador da sede atlántica da Unidade de Tecnoloxía Mariña ( UTM), Luís Ansorena e o técnico da UTM Arturo Castelló, responsable técnico da campaña BLUE- Nodules, xunto a outras autoridades como a subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa.
 
De Ron agradeceu o interese do ministro “por coñecer o traballo desempeñado nas instalacións coas que conta o CSIC en Galicia”, e destacou que “o CSIC realiza un gran labor investigador, científica e divulgativa a través dos seus sete centros en Galicia e tamén nas demais entidades nas que participa”.
 

Un proxecto para buscar materias primas cruciais

 
A campaña BLUE- Nodules, iniciada hoxe polo buque oceanográfico do CSIC, é froito dun acordo de colaboración co NIOZ, o instituto para a investigación mariña de Holanda. O obxectivo principal desta investigación é desenvolver un sistema de minería en augas profundas encamiñado á recolección de nódulos polimetálicos do fondo mariño cun impacto ambiental mínimo. Esta será a segunda expedición que se realiza dentro deste proxecto, tras a primeira efectuada en agosto de 2018 no golfo de Málaga.
 
Estes nódulos polimetálicos están considerados materias primas críticas, que son vitais para as tecnoloxías innovadoras de Europa, por exemplo para a fabricación de aliaxes e baterías para automóbiles eléctricos, sistemas fotovoltaicos e dispositivos para turbinas eólicas. O proxecto prevé realizar probas cun vehículo submarino e efectuar un estudo dos seus efectos ambientais.
 
BLUE- Nodules é un proxecto de investigación financiado polo programa marco H2020, no que participan 14 socios académicos e industriais de nove países da UE, que traballan conxuntamente para lograr o desenvolvemento dun sistema de minería industrialmente viable a profundidades de 3.000 a 6.000 metros.

Un buque singular con tecnoloxías punteiras

 
O buque Sarmiento de Gamboa forma parte da infraestrutura científico-técnica singular (ICTS) que agrupa a todos os buques de investigación financiados polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Conta coas tecnoloxías máis avanzadas en sistemas de navegación e instrumentación acústica e é o primeiro buque oceanográfico español que pode traballar con vehículos autónomos submarinos a grandes profundidades.
 
En activo desde o ano 2007, cando realizou a súa primeira campaña, completou 73 misións en proxectos científicos de distinta índole, cubrindo todo o espectro de disciplinas en ciencias mariñas en proxectos de investigación tanto nacionais como internacionais.
 
A Unidade de Tecnoloxía Mariña (UTM) do CSIC é a responsable da xestión do buque e do mantemento do equipamento científico. A UTM é unha unidade adscrita ao Centro Mediterráneo de Investigacións Mariñas e Ambientais (CMIMA), do CSIC, que xestiona integralmente tres dos buques da ICTS, entre eles o máis tecnoloxicamente avanzado da frota (o Sarmiento de Gamboa), ademais de dar soporte tecnolóxico e loxístico ao resto da frota e xestionar a Base Antártica Española Juan Carlos I.
 
Con 70,50 metros de eslora e 15,50 metros de manga, o buque ten unha tripulación de 16 membros e capacidade para levar a 25 científicos e técnicos. Dispón de seis laboratorios que cobren case todas as necesidades de análise química e biolóxica, e para manter organismos mariños en condicións iguais á súa contorna natural.
 
A súa cuberta pode aloxar distintos contedores ISO 5 a 20 pés para ampliar as súas capacidades de laboratorio, talleres e carga. Posúe dúas quillas retráctiles que lle permiten colocar e retirar, co buque navegando, instrumentación acústica baixo a liña de flotación do buque. O buque tamén dispón dunha góndola acústica fixa na proa, de nove por nove metros.
 
A cuberta principal, de 325 metros cadrados, é a principal zona de traballo do buque e nela pódense situar ata 200 toneladas en materiais e equipamento. Iso permite traballar con instrumental diferente e de gran tamaño, que pode variar en función do proxecto, como os robots submarinos, os vehículos autónomos submarinos, ou os enormes tambores co cableado necesario para estudos sísmicos.
 
A instrumentación e os laboratorios cos que conta permiten a investigación en campos moi variados: recursos e riscos naturais, cambio global, recursos mariños, circulación oceánica global e biodiversidade mariña.
 

Algunhas campañas destacadas

 
Entre as campañas do Sarmiento de Gamboa, pódese destacar o despregamento do primeiro laboratorio submarino, o Geostar, para alertas de tsunamis no Golfo de Cádiz; a instalación do primeiro laboratorio submarino cableado de España, Obsea, na costa catalá; a participación no estudo do impacto do cambio global e a biodiversidade do océano na expedición Malaspina ou a obtención por primeira vez de imaxes corticales da zona de colisión de Eurasia/África empregando unha ristra de hidrófonos de 6,0 quilómetros.
 
En 2014 foi elixido dentro do maior consorcio de buques europeos de investigación, Eurofleets, para realizar o proxecto estrela sobre o estudo tomográfico do volcán Etna. En 2015 corroborouse a súa capacidade para operar vehículos submarinos de alta tecnoloxía ao realizar unha microbatimetría de fallas no Mar de Alborán, no marco do proxecto Shake, empregando vehículos autónomos de altas profundidades do Instituto Francés de Investigación para a Explotación do Mar.
 
En 2016 realizou catro campañas de investigación no Mediterráneo e o Atlántico e actividades de apoio loxístico ao proxecto de remodelación da Base Antártica Española Juan Carlos I.
 
En 2017 finalizou o seu apoio loxístico á Base Antártica Española Juan Carlos I e ata o momento realizou tres campañas de investigación en augas atlánticas. As campañas de 2017 cubriron diversas investigacións, como o estudo de procesos ecolóxicos e demográficos da pescada, o impacto antrópico nas zonas de pesca, a dinámica das masas de augas oceánicas ou o estudo estrutural dos fondos mariños.
 
En agosto de 2018, o buque realizou a primeira expedición do proxecto europeo BLUE- Nodules no golfo de Málaga.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM