Pedro Puy afirma que “iniciamos unha lexislatura complexa, co reto de xestionar a pandemia sanitaria e afrontar a caída da economía”

Publicado por o día 10/08/2020 na sección de Partido Popular,Política

Pedro Puy afirma que “iniciamos unha lexislatura complexa, co reto de xestionar a pandemia sanitaria e afrontar a caída da economía”

O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, presentou hoxe a nova dirección deste grupo parlamentario, na que estará acompañado polos viceportavoces Miguel Tellado, Elena Candia e Paula Prado. “Iniciamos unha lexislatura particularmente complexa, co reto inicial directo de xestionar a pandemia da Covid-19 pero tamén afrontar a fonda e inaudita caída da produción económica que se está a producir”, manifestou.

Pedro Puy amosouse “honrado e contento” cos tres viceportavoces que o acompañarán no Grupo Parlamentario Popular, dous deles que continúan no seu labor (Miguel Tellado e Paula Prado), aos que se engade a nova incorporación de Elena Candia. Neste sentido, agradeceu o traballo e dedicación da anterior viceportavoz Marta Rodríguez Arias.

DEMANDA PRECAUCIÓN Á XENTE NOVA

De cara ao curto prazo, o portavoz popular sinalou que “temos un reto inicial directo que é a xestión da pandemia sanitaria do coronavirus, con todo o que conleva para poñer en marcha aquilo que faga imprescindible o funcionamento sanitario e de protección social”. Neste sentido, demandou precaución á xente nova na protección ante o virus, unha vez estase constatando o incremento de casos positivos entre poboación de menor idade.

Xunto a esta situación sanitaria, Puy subliñou que a sociedade galega “está a sufrir unha fonda e inaudita caída da produción económica”, ante o que avogou por “intentar que a recuperación económica de Galicia sexa máis rápida e intensa que a media nacional”. “A propia estrutura económica galega, máis compensada antes da crise gracias ás reformas realizadas e cun equilibrio maior entre os sectores produtivos, está a facer que a crise en Galicia non sexa tan profunda”, indicou na súa intervención referíndose a datos publicados pola propia AIReF. Porén, engadiu que “aínda así vivimos unha situación descoñecida que vai requirir traballo, responsabilidade e capacidade de acordo, tanto cos representantes sociais como políticos”.

SEGUIR TRABALLANDO

O portavoz popular apuntou que, ademais destas dúas prioridades, “temos que seguir traballando con todo o demais”. En concreto, lamentou a vaga de incendios que están a suceder na provincia de Ourense e trasladou o pésame á familia do piloto falecido no accidente do hidroavión do operativo portugués de extinción ocorrido o pasado sábado cando actuaba no lume de Lobios e desexou unha pronta recuperación ao copiloto que resultou ferido.

Así mesmo, Puy sinalou que o Grupo Popular está preparando a volta á actividade parlamentaria e lembrou que ao remate da pasada lexislatura atopábanse en tramitación importantes proxectos de lei, como a de impulso demográfico, a de ordenación do territorio, a de residuos, a de pesca fluvial, a de exterior ou a de museos, ademais da nova lei de mobilidade de terras que se está redactando en colaboración entre a Consellería do Medio Rural e o grupo parlamentario.

Comentar noticia

Your email address will not be published.