Pedro Puy asegura que en Galicia “se están a poñer todas as vacinas contra a Covid-19 que chegan e se non se poñen máis é porque non as mandan”

Publicado por o día 15/01/2021 na sección de Política,Partido Popular

O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, asegurou hoxe na Deputación Permanente que en Galicia “se están a poñer todas as vacinas contra a Covid-19 que chegan e se non se poñen máis é porque non as mandan”. Así mesmo, explicou que “é material e regulamentariamente imposible a celebración dun Pleno extraordinario neste período non ordinario” e lembrou que “mañá mesmo, no primeiro día hábil do novo período de sesións, comparecerá a directora xeral de Saúde Pública na Comisión 5ª para dar conta da campaña de vacinación en Galicia”.

Pedro Puy demandou “respecto por todas as partes” para a complexa situación sanitaria, social e económica que se está a vivir e lamentou que “quen solicita a celebración desta Deputación Permanente como primeira asinante, a portavoz do BNG, non estea nesta sesión e prefira dar unha rolda de prensa con informacións sobre sanidade e imputando a falsos recortes do pasado a situación actual”.

PLENO IMPOSIBLE

“Calquera que coñeza o funcionamento deste Parlamento sabe que é material e regulamentariamente imposible que a Deputación Permanente convoque un Pleno extraordinario no que resta de período non ordinario”, manifestou o portavoz popular, xa que mañá mesmo inicia o novo período ordinario de sesións cunha reunión da Comisión 5ª na que comparecerá a directora xeral de Saúde Pública, por petición propia, para informar sobre o Plan galego de vacinación fronte á Covid-19.

Na súa intervención, Puy salientou “o traballo desenvolvido no Parlamento galego neste período non ordinario” e apuntou que “tampouco houbo vacacións para o Goberno galego, cun seguimento constante dos especialistas para o control da pandemia e a adopción das medidas adecuadas en cada momento”.

DATOS MENOS MALOS EN GALICIA

Pedro Puy destacou que “Galicia amosa en xeral datos menos malos que o conxunto de España” nos datos relacionados coa crise sanitaria. En concreto, citou que “estamos por baixo da media en enfermos diagnosticados a 7 e 14 días por cada 100.000 habitantes, e tamén en porcentaxe de camas ocupadas por enfermos de Covid-19 nos hospitais ou nas UCIs ou na taxa de positividade”.

“Tamén no que atinxe á vacinación, onde Galicia figura como a terceira comunidade de España na posta de vacinas, co 67 por cento; mentres que baixa á sexta posición en poboación protexida, o que quere dicir que non chegan as vacinas suficientes”, sinalou.

Para rematar, o portavoz popular subliñou “o esforzo do persoal sanitario, da Administración autonómica e de toda a sociedade galega, á que apoiamos e animamos para que sigan as directrices que se marcan desde o Comité Clínico e conseguir frear esta pandemia sanitaria”.