Pedro Puy considera “absurda, estraña e atípica” a celebración dunha Deputación Permanente sobre o nomeamento de Corina Porro na delegación da Xunta en Vigo

O portavoz popular lembrou que o nomeamento de altos cargos da Xunta corresponde ao Goberno galego en base á confianza e discrecionalidade coas persoas designadas
Publicado por o día 29/07/2019 na sección de Partido Popular,Política

Pedro Puy considera “absurda, estraña e atípica” a celebración dunha Deputación Permanente sobre o nomeamento de Corina Porro na delegación da Xunta en Vigo

O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, considerou hoxe “absurda, estraña e atípica” a celebración dunha sesión da Deputación Permanente do Parlamento galego, a petición dos grupos socialista e En Marea, sobre o nomeamento de Corina Porro como delegada territorial da Xunta en Vigo. “Esta preocupación confirma que o Goberno galego acertou co nomeamento da señora Porro para poñer en valor que a Xunta é a administración que máis está a investir nesta cidade”, manifestou Puy, quen sinalou que “se os dous principais grupos da oposición consideran que o único e gran problema que ten Galicia neste momento é o nomeamento da delegada territorial da Xunta en Vigo, que o propio alcalde desta cidade dixo que era un cargo menor, é unha mostra máis de que a situación do país está moito mellor do que eles acostuman a dicir”.

Pedro Puy explicou que o nomeamento dos altos cargos da Xunta é competencia do Goberno galego e estes nomeamentos fanse en base á confianza e a discrecionalidade. “Polo tanto, o nomeamento da señora Porro é axeitado a dereito, do mesmo xeito que se teñen feito estas designacións ao longo do tempo”, apuntou.

Respecto dos requisitos de Corina Porro para ser delegada da Xunta en Vigo, o portavoz popular salientou que conta “cunha longa experiencia na administración galega, cuestión recoñecida incluso polos portavoces da oposición, polo que está perfectamente capacitada para dirixir unha delegación territorial”.

VONTADE DE SERVIZO E DEDICACIÓN AO PÚBLICO

Ademais, Puy incidiu “no coñecemento que a señora Porro ten da cidade de Vigo, da que foi alcaldesa, concelleira e presidenta do Porto, amosando sempre unha clara vontade de servizo e dedicación ao público”. “Destaca tamén polo seu talante claramente dialogante e cooperativo”, e a mellor proba da aceptación pola sociedade viguesa da nova delegada territorial “foi o acto de toma de posesión, ao que unicamente faltaron o alcalde de Vigo e a presidenta da Deputación Provincial”.

O portavoz popular lembrou que o actual Goberno galego pasou de 52 delegados provinciais a 5 delegados territoriais, conseguindo un aforro anual de seis millóns de euros. Neste sentido, cuestionou as críticas da oposición ao nomeamento de Corina Porro porque “existen deputados nesta mesma sesión que foron delegados provinciais do Goberno bipartito”, ao tempo que citou outros antecedentes máis inmediatos como o nomeamento do delegado da Zona Franca de Vigo, o delegado do Goberno en Galicia, o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil ou o cambio dun enxeñeiro naval por unha enxeñeira de montes á fronte de Navantia.