Pedro Puy prevé o debate de totalidade do proxecto de Lei de ordenación do territorio no Pleno da vindeira semana

O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, avanzou hoxe a previsión de que no vindeiro Pleno se proceda ao debate de totalidade do proxecto de Lei de Ordenación do Territorio de Galicia, “unha normativa máis simple, útil, eficiente e práctica, que aposta por unha simplificación administrativa, tanto do número de figuras coma no procedemento da súa tramitación”.
Publicado por o día 20/01/2020 na sección de Partido Popular,Política

Pedro Puy prevé o debate de totalidade do proxecto de Lei de ordenación do territorio no Pleno da vindeira semana

Así mesmo, Puy incidiu que o Grupo Popular levará ás vindeiras sesións plenarias “a ampla cantidade de problemas, recollidos na Axenda Galicia aprobada polo Goberno galego, que vimos arrastrando como consecuencia das circunstancias políticas nacionais”.

Pedro Puy informou que na xuntanza celebrada esta mañá polo Grupo Popular xa participou a nova deputada Ana Belén García Vidal, que substitúe a Beatriz Mato. Natural de Bergondo e residente en Noia, García Vidal é licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela e foi concelleira no Concello de Noia entre os anos 2015 e 2019.

Ademais, o portavoz popular adiantou que a previsión de que no vindeiro Pleno do Parlamento galego se proceda ao debate de totalidade da Lei de Ordenación do Territorio, que “actualiza, simplifica e axiliza os diferentes instrumentos da planificación urbanística para evitar posibles desequilibrios e mellorar a coordinación e planificación integral do territorio en termos de igualdade”.

CULMÍNASE ORDENACIÓN URBANÍSTICA

“Con esta lei, pódese dicir que culminamos toda a ordenación urbanística de Galicia”, salientou Puy, quen explicou que, para acadar unha simplificación administrativa, “intégrase o procedemento ambiental e a tramitación do instrumento de ordenación, evitando ter que acudir a diversas normas para identificar que procedemento resulta aplicable”.

Así mesmo, establécese un único procedemento de tramitación para todos os instrumentos de ordenación do territorio, ao tempo que achega maior seguridade á figura de plan sectorial, concretando e actualizando a súa definición para diferenciala do concepto de proxecto sectorial.

PRIORIDADE ÁMBITO FINANCEIRO

Por outra banda, Pedro Puy sinalou que o Grupo Popular levará ás vindeiras sesións plenarias todas as cuestións recollidas na Axenda Galicia, priorizando as cuestións relacionadas co ámbito financeiro. “A Galicia aínda se lle deben 370 millóns de euros (200 millóns do IVE e 170 por ser unha comunidade cumpridora), polo que non entendemos como este punto non figura en ningún dos acordos asinados por distintas forzas que están nesta Cámara, como Podemos ou o BNG, e que apoiaron esta demanda do Goberno galego”, sinalou. Deste xeito, apuntou que esta demanda “sigue sendo unha das nosas prioridades, porque ao final diso depende o pago dos servizos públicos e o cumprimento das obrigas de pago cos provedores”.

“Pero tamén existen outras cuestións importantes, como a chegada do AVE a Galicia e a fixación dun calendario para a súa posta en funcionamento; a transferencia da AP-9 e as rebaixas da súa peaxe; unha transición enerxética que debe ser xusta, porque está a afectar directamente ao traballo na comarca de As Pontes; o estatuto para as empresas electrointensivas, cuxos traballadores vanse manifestar o vindeiro mércores en Madrid porque levan esperando hai máis de un ano por esta medida; ou a necesidade de que o Ministerio de Sanidade aborde medidas que permitan atender as necesidades máis urxente de persoal de especialidades, como pediatría ou medicina de familia”, concretou.

Comentar noticia

Your email address will not be published.