A penúltima “Depo Andaina” do ano chega a Tui e tamén coas prazas esgotadas

300 persoas da provincia participarán nesta actividade de balde que organiza a Deputación de Pontevedra e que nesta ocasión fará unha ruta do Camiño Portugués.
Publicado por o día 23/09/2017 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Tui

A penúltima “Depo Andaina” do ano chega a Tui e tamén coas prazas esgotadas

Este próximo domingo 24 de setembro Tui será o escenario da penúltima “Depo Andaina” do ano, encaixada nun programa da Deputación de Pontevedra que está a obter un rotundo éxito dende a súa creación no ano 2016.

Se na anterior actividade, que tivo as Illas Cíes e Vilaboa como eixe da andaina, acabáronse as prazas en menos de 24 horas, para esta nova ruta as 300 prazas ofertadas tan só tardaron uns días en esgotarse.

A penúltima “Depo Andaina” do ano comezará ás 09.30h na ponte internacional sobre o río Miño e desde aquí proporase unha ruta polo transitado Camiño Portugués cara a Santiago de Compostela, ofrecendo desde o inicio unhas espectaculares vistas sobre a vila de Tui e sobre a Fortaleza de Valença do Minho. En total, a ruta, que tratarase dun percorrido circular con final no punto de encontro, será de 16 quilómetros.

A andaina continuará polo sendeiro que vai pola ribeira do Miño cara á parroquia de San Bartolomeu de Rebordáns, chegando á igrexa da Virxe do Camiño, onde as persoas participantes poderán descansar e coller forzas para cruzar a Ponte da Veiga e para ir ata a Ponte das Febres, sobre o arroio San Simón. De regreso, o trazado será xa máis urbano, visitando a Catedral de Tui e andando cara o Parador de Turismo de San Telmo.

Ademais, durante a actividade, que ten unha duración estimada de catro horas, impartirase un breve obradoiro de identificación de rastros de animais e outro de orientación natural. Tamén, durante o último quilómetro da andaina as persoas participantes utilizarán signos naturais coma o sol e métodos coma o do reloxo para orientarse e atopar diferentes balizas con rastros de animais, coma pegadas, excrementos, marcado territorial en flora e fungos…

Tras esta actividade, a Deputación de Pontevedra desenvolverá en outubro a última andaina, que terá lugar en Soutomaior o día 15. Para esta última andaina o prazo de inscrición abrirase o vindeiro luns 2 de outubro.

O programa “Depo Andainas“, que vive este ano a súa segunda edición, ten por obxectivo impulsar hábitos saudables, promover o turismo deportivo e de territorio, as actividades ao aire libre e poñer en valor a riqueza ambiental, etnográfica, cultural e patrimonial da provincia de Pontevedra.