Pepe Solla será o pregoeiro ‘dunhas festas que quedarán na memoria’

A lectura do pregón, que terá lugar o sábado 8 ás 12h, cambia de ubicación e farase desde o palco da música da Alameda
Publicado por o día 03/08/2020 na sección de Galicia,Pontevedra

Pepe Solla será o pregoeiro ‘dunhas festas que quedarán na memoria’

O cociñeiro do grupo Nove, Pepe Solla foi presentado esta mañá como o pregoeiro das festas da Peregrina 2020. A concelleira de Festas e Dinamización Sociocultural, Carme da Silva, presentouno como “a persoa perfecta para facer o pregón dunhas festas que como todos e todas sabemos van quedar na nosa memoria por moitísimos anos”. Pola súa banda, Pepe Solla asegurou que ser a persoa elixida “é unha das cousas máis bonitas que che poden pasar, que os teus veciños, que a xente que te rodea conte contigo é unha honra e estou encantado”.

“Reúne todas as características” insistiu a concelleira, e entre os motivos da escolla citou “o seu prestixio profesional” e ser “un embaixador de Pontevedra e da súa comarca alí por onde vai, poñendo o prestixio da restauración galega ao máis alto nivel”. Tamén mencionou a nivel persoal a súa implicación co comedor de San Francisco durante a pandemia asegurando que “tivo un papel moi activo e moi importante durante os peores momentos que vivimos co confinamento, traballando el e o seu equipo de forma solidaria e sendo unha das persoas que exemplificou o comportamento solidario e responsable de toda a sociedade deses momentos tan duros”. Por último, a concelleira tamén indicou que a elección quixo poñer en valor que “o sector da hostelaría tamén é un sector que está vivindo con moitísima dificultade todo este proceso de cese de actividade e a reincorporación á actividade profesional”.

Ademais, no verán no que se “reinventou toda a programación e se reinventou como seguir celebrando a vida”, tamén se cambia a ubicación da lectura do pregrón, que pasa do balcón do pazo de Mugartegui na praza da Pedreira ao palco da música da Alameda. “O palco da música ten un simbolismo moi importante porque a Alameda é o centro das festas do verán en Pontevedra e este ano xoga un papel diferente, por iso pensamos que era interesante facer alí o pregón” explicou Da Silva.

Pepe Solla, coñecido tamén pola súa gran afección á música, amosouse encantado coa ubicación e coa nova fórmula para espallar as festas por toda a cidade. “Fai que a cidade se sinta activa e viva durante as festas e que chegue a todos os barrios e a todas as zonas” indicou e, neste sentido tamén quixo incidir en que “este ano que é un ano distinto e especial, tamén é un ano bonito porque eu creo que na vida, coma en todo, hai que saber facer as boas lecturas e sacar o bo de cada situación”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.