El pequeño poni pon sobre os escenarios de Afundación o tema do acoso escolar

A obra está escrita por Paco Becerra e dirixida por Luis Luque e conta cun elenco de coñecidos profesionais como María Adánez e Roberto Enríquez.
Publicado por o día 19/10/2016 na sección de Cultura,Vigo

El pequeño poni pon sobre os  escenarios de Afundación o tema do  acoso escolar

A representación terá lugar en Vigo o día 20 e na cidade de Pontevedra o día 21 ás 20.30 h en ambos os casos. 

Está baseada na historia real dun neno estadounidense que sufriu acoso escolar en 2014

O vindeiro 20 de outubro chega ao Teatro Afundación de Vigo (rúa Policarpo Sanz, 13) El pequeño poni como parte da programación da tempada teatral ofrecida pola entidade. Ao día seguinte a representación terá lugar en Pontevedra na Sede Afundación situada na rúa Augusto González Besada, 2-4. Trátase dunha peza de gran carga dramática que aborda un tema que afecta de cheo á sociedade como é o acoso escolar. Becerra e Luque colaboran para denunciar esta realidade inspirándose na historia real dun neno estadounidense. Ambas as funcións están fixadas para as 20.30 h e as entradas poderán adquirirse a través das canles habituais de venda de Afundación: en ataquilla.com e mediante o teléfono 902 504 500.

A OBRA

El pequeño poni é unha proposta de Paco Becerra e de Luis Luque sobre maltrato escolar.

Está baseada no caso de Bruce Grayson, un neno de Carolina do Norte, que sufriu acoso por parte dos seus compañeiros de colexio por levar unha mochila da serie de debuxos My Little Pony, o cal deu nome á obra de teatro. María Adánez e Roberto Enríquez interpretan a Irene e Jaime, os pais de Luismi, o trasunto español de Grayson na súa adaptación dramática.

Trátase dunha homenaxe a todos os nenos e nenas que sufriron insultos e agresións. Toda unha reflexión acerca da liberdade, o medo e o instinto de protección; un retrato da cegueira, a ineptitude e os prexuízos sociais dos adultos nalgunhas ocasións.