Perde a vida o condutor dun turismo tras colidir cun camión en Oza-Cesuras

Por o 17/01/2018 | Sección: Sucesos
Perde a vida o condutor dun turismo tras colidir cun camión en Oza-Cesuras
Compartir en:

Os servizos sanitarios de urxencia confirmaron onte o falecemento do condutor dun turismo que colidiu cun camión cando circulaban pola estrada de Curtis a Betanzos, ao paso polo concello de Oza-Cesuras.

O sinistro rexistrouse pasadas as sete da tarde de onte na AC-840, concretamente no lugar de Trasanquelos. Ata alí desprazouse un equipo de Urxencias Sanitarias, os efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Betanzos e os membros do GES de Curtis, alertados polo persoal do 112 Galicia.

Unha vez no lugar do accidente, comprobaron que o home estaba falecido e terían que proceder á excarceración do cadáver, atrapado no interior do coche.

Pola súa parte, o camioneiro resultou ileso e saíu do vehículo polo seu propio pé.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, tratouse dunha colisión frontal entre o coche e o camión, que deixou unha vítima mortal e diversos danos na vía. Na retirada destes restos e na limpeza da calzada traballaron os servizos de extinción e salvamento, así como o persoal da Axencia Galega de Infraestruturas.

Atropelo no Porriño
Por outra banda, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia rexistrou onte un atropelo a unha muller preto dun paso de peóns, no concello pontevedrés de Porriño.

Á chegada dos servizos de emerxencias, a ferida estaba tendida na vía a carón do paso de peóns de un paso a nivel. De inmediato, dende o CIAE 112 Galicia solicitouse a intervención dos profesionais de Urxencias Médicas, que evacuaron á muller ao centro hospitalario de referencia.

O accidente tivo lugar cando estaban a piques de dar as oito da tarde.