O persoal de Clece acorda coa dirección a volta dos empregados trasladados a outros centros de traballo

O comité da contrata da limpeza de Citroën decidiu desconvocar a segunda xornada de folga para facilitar as negociacións
Publicado por o día 07/09/2016 na sección de Protestas,Sindicatos,Vigo

O persoal de Clece acorda coa dirección a volta dos empregados trasladados a outros centros de traballo

O comité da contrata da limpeza de Citroën decidiu desconvocar a segunda xornada de folga para facilitar as negociacións.

O cadro de persoal de Clece, contrata da limpeza das instalacións de PSA Peugeot Citroën en Vigo, chegou hoxe a un acordo coa dirección da empresa para o regreso dos empregados/as que foron trasladados forzosamente a outros centros de traballo. O comité decidiu desconvocar a segunda xornada de folga prevista para o pasado sábado para facilitar as negociacións coa mediación da Inspección de Traballo.

Despois do éxito da primeira xornada de folga, que tivo lugar o venres, os traballadores/as decidiron suspender esa mesma noite a convocatoria, así como a prevista para o día seguinte, despois de que a Inspección de Traballo se comprometese a mediar.

As conversas entre empresa e traballadores/as desenvolvéronse ao longo do día de hoxe, chegando a un acordo a primeira hora da tarde que foi posíbel despois de que a dirección se comprometese a solucionar a problemática derivada dos traslados forzosos de empregados/as a outros centros de traballo.

Deste xeito, os dous traballadores/as desprazados ao Grove poderán regresar a Citroën e desenvolverán o seu labor as fins de semana e tres días entre o luns e o venres. En canto aos outros/as dous/as que foron trasladados/as aos Xulgados e ao Porto de Vigo, poderán volver á fábrica de automoción xa que hai voluntarios/as para substituílos/as. Ademais, pactouse o establecemento dun plus de 130 euros para aqueles/as empregados/as que foron desprazados/as a centros de traballo da cidade de Pontevedra.

Finalmente, os que foron obrigados/as de xeito unilateral a traballar na quenda de fin de semana terán un día máis de descanso entre o luns e o venres ou ben poderán cambiarse para a quenda de mañá e pasarán a traballar só durante a semana.

O acordo coa empresa, que foi ratificado polos propios/as afectados/as, contempla a retirada das denuncias individuais presentadas polos traballadores/as contra a empresa.

Fotos da mobilización