Persoal de COGAMI especialízase en terapias na auga nunhas xornadas que imparte o centro AWASAN

Publicado por o día 16/06/2017 na sección de Formación,Vigo

Persoal de COGAMI especialízase en terapias na auga  nunhas xornadas que imparte o centro AWASAN

Co fin de atender todas as necesidades das persoas usuarias da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) profesionais desta Organización chegados de distintos puntos de Galicia asisten, este venres 16 de xuño e o 23 de xuño, a unha xornada de Monitoraxe e Psicomotricidade en Entorno Acuático que se imparte nas instalacións de AWASAN, no Lugar da Silvouta en Roxos (Santiago) en horario de 9:30 a 13:30 horas.

Un total de 18 persoas, todas elas monitoras e acompañantes de persoas con discapacidade en actividades acuáticas, son formadas por unha fisioterapeuta, un licenciado na actividade física e do deporte e un especialista en actividades acuáticas e terapéuticas de AWASAN.

Esta formación divídese en teórica e práctica, recibindo na teórica leccións sobre accesibilidade, tecnoloxías de apoio, discapacidade, complicacións que pode haber no paciente e terapias de tratamento. A parte práctica será dentro da piscina, onde aprenderán a estirar, fortalecer, tonificar, ter equilibrio postural, e tamén realizarán a práctica en chan, para aprender a reeducar a marcha, equilibrio, estiramentos, fortalecer e tonificar.

Entre as entidades que van asistir a esta formación están Misela de Noia, Integro de Costa da Morte, Amarai de Arzúa, Adisbismur de Muros, ademais de persoal dos centros que COGAMI ten en Ponteareas, Mos, Monteporreiro en Pontevedra e Medelo en Silleda.

Esta formación que imparte AWASAN de maneira gratuíta, vai servir de gran axuda para as persoas que a diario teñen como parte do seu traballo contribuír á prevención da dependencia das persoas con discapacidade, fomentando a súa autonomía persoal a través de actividades de saúde. Como dato, o ano pasado máis de 100 persoas usuarias de COGAMI resultaron beneficiarias tras participar en actividades de preparación física e cognoscitiva.