Persoal da seguridade privada maniféstanse por un convenio digno que remate coa precariedade no sector

Este mércores hai mesa en Madrid na que previsibelmente se asinará un preacordo “de retroceso”
Por o 07/11/2017 | Sección: CC.OO,CIG,Protestas,Sindicatos,UGT
Persoal da seguridade privada maniféstanse por un convenio digno que remate coa precariedade no sector
Compartir en:

Traballadores e traballadoras da seguridade privada manifestáronse este martes polas rúas da Coruña en rexeitamento ao preacordo para o convenio colectivo estatal que, previsibelmente, se asinará mañá en Madrid entre a patronal Aprosec e as centrais sindicais UGT, CCOO e USO. Isto suporá manter a perda de dereitos salariais e laborais que vén padecendo o persoal dun sector que en Galiza ocupa a unhas 2.500 persoas.

Ao berro de “Aprosec non quere pagar, quere precarizar” ou “convenios aquí e non en Madrid”, as e os traballadores marcharon dende a Delegación do Goberno até a Subdelegación para esixir un convenio digno que garanta a recuperación da capacidade adquisitiva perdida na última década, e que a CIG-Servizos calcula nun 9%, xa que á conxelación dos soldos, hai que sumar a redución dos complementos de nocturnidade e festividade e a desaparición dos pluses de vestiario e transporte.

Neste senso, Roberto Alonso, secretario comarcal da CIG-Servizos de Compostela, sinalaba que o incremento salarial proposto pola patronal para este convenio resulta totalmente inasumíbel “porque non é unha proposta de recuperación nin de avance”. Denuncia que para 2017, Aprosec ofrece un 0% de suba salarial “cando o IPC xa bordea o 2%, mentres que para 2018 e 2019 propoñen un incremento do 2%, sen cláusula de revisión a IPC”.

Nesa oferta patronal, engade, tampouco se dá resposta á problemática do cómputo dos permisos retribuídos, os asuntos propios, os calendarios laborais ou ao abono das horas/mes a realizar polo artigo 41. Así mesmo, tampouco se contempla nada a respecto do descanso anual compensatorio.  Fronte a isto, dende a CIG demándase, entre outras melloras, unha rebaixa da xornada e que se faciliten medidas para a conciliación familiar e laboral, “dado que este é un sector que traballa 24 horas, de luns a domingo e festivos”.

Alonso criticou que as centrais estatais asuman convenio tras convenio a perda de dereitos para os traballadores/as da seguridade privada, polo que pulou por ir á negociación dun convenio galego. “Dende a CIG levamos anos reivindicando unha mesa de negociación aquí, para que os traballadores e traballadoras galegas poidan decidir as súas condicións, e non que decidan en Madrid por nós, sen transparencia, sen información e sen someter as propostas ás asembleas do persoal”, aseverou.