O persoal da Xustiza esixe a equiparación co doutras comunidades

Nova xornada de folga no sector, que incluíu unha manifestación en Santiago de Compostela
Por o 25/01/2018 | Sección: Protestas,Sindicatos
O persoal da Xustiza esixe a equiparación co doutras comunidades

Máis de dous mil traballadores e traballadoras da Xustiza, que un mes despois volven estar en folga, percorreron este xoves as rúas da zona histórica e do centro de Santiago de Compostela esixindo a equiparación salarial co persoal doutras comunidades autónomas. Ao berro de «a igual traballo, igual salario», levaron as súas reivindicacións ás portas mesmas da catedral compostelá, nunha marcha que culminou fronte ao Parlamento.

Os sindicatos CCOO, CIG, UGT, USO, CSI-F, STAJ e CUT, que convocaron esta folga, leron fronte ao Pazo do Hórreo un manifesto no que denunciaron as «reiteradas mentiras» difundidas pola Xunta de Galicia nas últimas datas, que consideran un «desprezo» tanto ao colectivo profesional como á cidadanía.

Diante da Cámara autonómica denunciaron a discriminación salarial que padecen, pois cobran menos por facer o mesmo traballo que os compañeiros e compañeiras doutras comunidades. Así mesmo, manifestaron estar «fartos» da perda de dereitos salariais e sociais nos últimos anos.