Persoal de Correos concéntranse na oficina de Cee para esixir a fin dos abusos e do trato desigual

Reclamanlle á empresa que investigue as situacións denunciadas e actúe de inmediato
Publicado por o día 14/11/2019 na sección de CIG,Protestas,Sindicatos

Persoal de Correos concéntranse na oficina de Cee para esixir a fin dos abusos e do trato desigual

Traballadores e traballadoras de Correos concentráronse este xoves na oficina da empresa postal en Cee en rexeitamento aos abusos e ao trato desigual entre o persoal que se está a dar na unidade de reparto deste municipio, así como urxir a dirección de Correos a que abra unha investigación e tome as medidas oportunas para mudar esta situación.

O comité de empresa e xunta de persoal denuncian que dende hai tempo están a recibir queixas sobre actuacións da xefa da carteiría de Cee “máis encamiñadas a acrecentar a condición de poder que sustenta, que a conseguir unha mellora na organización ou na calidade do servizo e favorecer as relacións laborais”.

Así, denuncian a diferenza de trato existe entre os/as traballadores/as “complicándolle a un persoal os seus labores con cambios de barrio ou de tarefas, ou engadindo e incrementando tarefas ate ser inasumibéis”. Por se non fora abondo, explican, “hai ordes explícitas por parte da xefa de reparto ao persoal fixo e/ou con experiencia de non axudar o persoal contratado temporal inexperto, nin nos labores, nin compartindo o coñecemento”.

Estas actitudes “non son un caso illado”

Neste senso, apuntan que o persoal eventual chega a un primeiro posto sen formación práctica nin teórica facilitada pola empresa, o que dificulta o correcto desempeño das complexas seccións de reparto, especialmente no medio rural, “o que converte a estes traballadores en excepcionais con grandes cualidades, pero non con superpoderes que lles posibiliten a adiviñación e a ubicuidade”.

Denuncian tamén que estas actitudes despóticas non constitúen un caso illado. De feito, teñen constancia de que estas actuacións “están sendo alentadas por algúns xefes de sector”, e frases de corte autoritario “repítense con demasiada frecuencia cando o persoal reclama un dereito recollido por lei”.

Alertan que o caso da UR de Cee “raia o escravismo”, cando con estas prácticas se consegue que “os contratados/as traballen por parellas repartindo o traballo e o salario dun contrato entre dúas persoas, para satisfacer á xefa de distribución e non sufrir unha avaliación negativa”. Contar cunha avaliación negativa, lembran, suporía a imposibilidade de traballar de novo ou incluso de poder presentarse ás oposicións futuras para persoal de Correos.

A situación xa foi posta en coñecemento da dirección

Esta situación foi posta en coñecemento do presidente de Correos e do director da Zona nº 1 coa fin de que se fagan as indagacións oportunas para descartar unha situación de acoso laboral e se tomen as medidas precisas para poñer fin a actitudes e actuacións “que supoñen un atentado contra a dignidade dos traballadores/as e un agravio comparativo entre iguais”.

Así mesmo, nesa comunicación a representación social esixiulle ao director territorial de Compostela “que, de maneira preventiva proceda ao cese inmediato da Xefa de distribución responsábel da unidade de reparto de Cee”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.