Traballadoras e traballadores de Correos chegados de toda Galicia concentraranse mañá, venres, 9 de novembro, diante da oficina principal de Santiago de Compostela, na rúa do Franco. Cinco meses despois dos últimos paros parciais, o persoal do operador postal público volve á rúa para rexeitar os recortes e a precariedade laboral.
Denuncian que a nómina foi recortada hai anos e mantívose conxelada en pouco máis de mil euros mensuais. Ao tempo, os recortes de persoal provocaron sobrecargas diarias de traballo. O emprego existente tamén se precarizou, con numerosos contratos eventuais. Por último, CCOO tamén critica os retrocesos en materia social, como a denegación de permisos ou licenzas.
Concentración e paros
CCOO chama a participar nos paros previstos para as tres últimas horas das quendas de noite e de mañá, e para as tres primeiras da de tarde. Tamén apela a participar na concentración prevista para mañá venres, ás 13:30 horas, diante da oficina de Correos na rúa compostelá do Franco.
Noticias de última hora en Vigo