Persoal de SEAGA demanda igualdade de oportunidades e que se compute todo o tempo traballado

Están en folga desde hai un mes e a Xunta aínda non confirmou como se vai puntuar a súa experiencia
Publicado por o día 17/10/2018 na sección de CIG,Protestas,Sindicatos

Persoal de SEAGA demanda igualdade de oportunidades e que se compute todo o tempo traballado

Traballadoras e traballadores de SEAGA, en folga indefinida dende o pasado 16 de setembro, manifestáronse este martes, desde San Lázaro até o edificio administrativo da Xunta de Galiza, en Compostela, en demanda de igualdade de oportunidades no acceso ao Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Galiza (SPDCIF). Xunto a isto reclamaron que se introduzan d einmediato os cambios necesarios no decreto de contratación da Xunta e poder puntuar por todo o tempo traballado en SEAGA realizando servizos de extinción.

Hai uns meses a Xunta anunciou que SEAGA e TRAGSA deixarán de recibir encomendas para a extinción de lumes, avanzando así na unificación e profesionalización do servizo -cuestión que a central sindical leva anos demandando-. Para suplir eses postos, a administración creará 500 empregos propios a cubrir a través das listas da Xunta. Porén, segundo o estabelecido no decreto de contratación, o persoal de SEAGA (a pesar de ser unha empresa pública dependente da Consellaría de Medio Rural) non poderá computar a súa experiencia laboral.

A CIG-Servizos denuncia que de ser así, “todo ese capital humano profesionalizado e formado quedará fóra do SPDCIF. O traballo de extinción realizado durante 12 anos en condicións precarias polos traballadores e traballadoras de SEAGA valerá cero puntos, ao contrario do que acontece co persoal da Xunta ou das brigadas municipais”, denuncian.

Xuntanza sen avances

O pasado 18 de setembro mantiveron unha xuntanza con Función Pública na que se lles confirmou que se introducirán cambios no decreto, mais non cal será o alcance deses cambios. Isto é, non saben aínda como se lles vai computar toda esa experiencia. Daquela Función Pública comprometeuse a convocar a mesa xeral de negociación para abordar coas organizacións sindicais a modificación dese decreto de contratación.

A CIG esixiu que os prazos para resolver o conflito foran o máis curtos posíbeis e solicitou a apertura urxente do proceso negociador. Porén, desde aquela, a Xunta non se volveu reunir coas organizacións sindicais, nin tampouco avanzou máis información ao respecto.

Por iso, para presionar a Función Pública e conseguir igualdade de oportunidades, manteñen a folga indefinida malia os abusivos servizos mínimos do 100%, que xa foron recorridos por vulnerar, na práctica, o exercicio deste dereito fundamental.