Traballadoras e traballadores de SEAGA, en folga indefinida dende o pasado 16 de setembro, concentráronse este mércores na Praza Amada García de Ferrol para exixir igualdade de oportunidades no acceso ao Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Galiza (SPDCIF). Para isto reclaman a modificación do decreto de contratación da Xunta e poder puntuar por todo o tempo traballado en SEAGA realizando servizos de extinción.
A CIG-Servizos lembra que hai uns meses a Xunta anunciou que SEAGA e TRAGSA deixarán de recibir encomendas para a extinción de lumes, avanzando así na unificación e profesionalización do servizo -cuestión que a central sindical leva anos demandando-. Para suplir eses postos, a administración creará 500 empregos propios a cubrir a través das listas da Xunta. Porén, segundo o estabelecido no decreto de contratación, o persoal de SEAGA (a pesar de ser unha empresa pública dependente da Consellaría de Medio Rural) non poderá computar a súa experiencia laboral.
“É dicir, todo ese capital humano profesionalizado e formado quedará fóra do SPDCIF. O traballo de extinción realizado durante 12 anos en condicións precarias polos traballadores e traballadoras de SEAGA valerá cero puntos, ao contrario do que acontece co persoal da Xunta ou das brigadas municipais”, denuncian.
Seguirán as mobilizacións até ter feitos concretos
Para presionar a Función Pública e lograr a modificación do decreto e esixir igualdade de oportunidades, o persoal de SEAGA está en folga indefinida dende o pasado 16 de setembro, aínda que na práctica o seu dereito á folga vese conculcado polos abusivos servizos mínimos decretados, que acadan o 100%, e que xa foron recorridos.
Cómpre lembrar que só foi despois do anuncio da convocatoria de folga que Medio Rural e Función Pública tiveron a ben sentar coa representación do persoal para aclarar como se pretende abordar a reordenación do SPDCIF e os cambios en SEAGA.
Desa xuntanza arrincouse o compromiso de que Función Pública convocaría a mesa xeral de negociacións para abordar coas organizacións sindicais a modificación do decreto de contratación. Porén, dende a xuntanza celebrada o pasado día 19, na que a CIG esixiu que os prazos para resolver o conflito sexan o máis curtos posíbeis e solicitou a apertura urxente do proceso negociador, pouco se ten avanzado.
Por iso, a representación social ten solicitada unha nova xuntanza con Función Pública para que explique en que punto está o proceso, mais “mentres non haxa feitos avaliábeis seguiremos coa folga e as mobilizacións”.
Labores de prevención e limpeza
Doutra banda, SEAGA vai seguir levando obras de prevención e encargarase tamén da limpeza das franxas de seguridade, de acordo co convenio asinado entre Medio Rural e a Federación Galega de Municipios e Provincias. Con todo, tampouco para estes labores se sabe con que persoal se vai contar.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.