Persoal do concello de Gondomar, formado en compostaxe polo Plan Revitaliza

Catro funcionarios recibiron hoxe os diplomas que os acreditan en educación ambiental
Publicado por o día 07/02/2020 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Gondomar

Persoal do concello de Gondomar, formado en compostaxe polo Plan Revitaliza

O Concello de Gondomar ten xa persoal formado en compostaxe polo Plan Revitaliza da Deputación. No día de hoxe rematou o Curso Básico de Compostaxe e Información Ambiental, impartido durante o mes de xaneiro e a primeira semana de febreiro, cunha parte práctica e outra teórica.

A formadora e o formador deste curso foron o técnico Carlos Manuel Pintos Estévez e a técnica Estefanía Alfonsín Moraña, que supervisan o Revitaliza na zona do Val Miñor. O persoal explicou o temario do curso sobre os residuos e a súa lexislación, a definición da compostaxe (como se realiza o proceso, os materiais necesarios, os parámetros  e as medicións necesarias), as diferencias entre a compostaxe individual e a comunitaria e a aplicación do compost.

Unha vez coñecida a teoría sobre a parte máis burocrática da compostaxe e a parte máis biolóxica e relacionada coa natureza, os asistentes ao curso realizaron as prácticas operativas para saber como se debe xestionar un centro de compostaxe comunitaria e coñeceron as claves para resolver os posibles contratempos ao facer o compost.  Os participantes (Juan Ramón Alonso Martínez, Belarmino López Comesaña, José Luis Abraira Arias e Brais Misa García) recibiron hoxe os seus diplomas da man das mestras e mestres composteiros que traballan habitualmente na zona.

A día de hoxe, no Concello de Gondomar están operativos dous centros de compostaxe comunitaria, o que se instalou hai pouco no Parque das Ánimas e o que está nas inmediacións do supermercado Froiz, e ambos os dous funcionan de forma moi satisfactoria. Neste último centro lévanse xestionadas, desde a súa posta en marcha, máis de 31 toneladas de residuos orgánicos e restos vexetais, e producíronse 31 lotes de compost.

Así mesmo, o Concello recibiu hai pouco 88 composteiros individuais para casas con horta por parte da Deputación, que se repartirán próximamente entre a veciñanza. Tamén existen composteiros individuais específicos para produtoras e produtores singulares no centro educativo de Educación Infantil Souto Donas e no IES Terra de Turonio, no que hai unha importante implicación do alumnado.