O persoal de Ferroatlántica ratifica a convocatoria de folga e a manifestación do 8 de xullo

O día 5 sairá unha marcha a pé de traballadores/as de Cee a Santiago
Publicado por o día 04/07/2017 na sección de CIG,Protestas,Sindicatos

O persoal de Ferroatlántica ratifica a convocatoria de folga e a manifestación do 8 de xullo

A asembleas de traballadores e traballadoras celebradas o pasado mércores nos centros de traballo de Ferroatlántica avalaron a convocatoria de mobilizacións acordada polo Comité de empresa; isto é folga nas fábricas e centrais para o sábado 8 de xullo, manifestación ese mesmo día en Santiago de Compostela e marchas a pé dende Cee á capital galega dende o 5 de xullo.

Nas asembleas, tamén se explicaron con detalle as xestións institucionais realizadas nos últimos días e expúxose polo miúdo o contido das alegacións presentadas polo Comité na Xunta de Galiza en contra da solicitude de Ferroatlántica para a autorización administrativa para o cambio de cotitularidade e a supresión da prohibición de segregación de actividades.

A este respecto, e fronte ao afirmado polos responsábeis de elaborar o informe xustificativo co que Ferroatlántica acompaña a súa solicitude (documento polo que a empresa pagou unha substanciosa minuta), dende o Comité subliñan que a administración galega non ten obriga legal ningunha de acceder a petición da empresa. “Por iso, na propia solicitude a empresa fala de revogación e non de anulación, xa que existen sentenzas firmes avalando a legalidade e pertinencia das cláusulas que acompañan a concesión dos saltos de auga”.

Decisión puramente política

De feito, engaden, se a Xunta accede a suprimir a prohibición de segregar ambas actividades “será por decisión política e deberá achegar unha sólida xustificación de cal é o interese público que xustifica esta medida”. Pois precisamente garantir o emprego e a actividade das fábricas de ferroaliaxes é o obxectivo desta obrigada vinculación. As centrais son o complemento idóneo da produción de ferroaliaxes; a natureza cíclica e complementar de ambas as dúas actividades é a que xustifica o seu mantemento. “Parece que o grupo quere vender á sociedade que agora as centrais son unha carga económica, cando, en toda a súa historia, os saltos de auga sempre deron beneficios (que, por certo, non foron reinvestidos na mellora e modernización das fábricas)”, apuntan.

Contar coas dúas actividades é algo que o propio grupo Ferroglobe pon en valor diante dos seus accionistas. Ademais, esta vinculación “é a que permite que as fábricas sigan abertas, e se isto non fora verdade a empresa non faría o máis mínimo esforzo por buscar respaldo e xustificación social aos seus plans”.