O persoal de mantemento do Cunqueiro mobilizarase para reclamar un convenio que iguale as condicións de traballo

O comité denuncia importantes diferenzas salariais e laborais entre o cadro de persoal
Por o 04/12/2017 | Sección: CC.OO,CIG,Galicia,Sanidad,Sindicatos,UGT,Vigo
O persoal de mantemento do Cunqueiro mobilizarase para reclamar un convenio que iguale as condicións de traballo

O comité de Veolia Servicios Norte, empresa encargada do servizo de mantemento do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, convoca mobilizacións para reclamar un convenio colectivo específico para este centro de traballo. Con esta iniciativa queren igualar as condicións salariais e laborais do cadro de persoal e así rematar coas importantes diferenzas existentes.

A representación legal do persoal, formada por dous membros da CIG, un de CCOO, un de UGT e un independente, afirma que entre os sesenta empregados e empregadas do servizo de mantemento hai persoal con diferentes convenios: subrogado do Meixoeiro, de electromedicina, novas contratacións e persoal procedente do Sergas a través da empresa concesionaria do hospital —ao que se lle ten que aplicar un acordo de integración, pero non se lle respectan as condicións publicadas no Diario Oficial de Galicia—.

A situación provoca que haxa traballadoras e traballadores que fan máis horas que o resto, pero perciben menos salario, traballadores e traballadoras ás que se debe diñeiro, alén do persoal cualificado que se encarga do mantemento dos aparatos de electromedicina e conta cun soldo de mil euros mensuais. Estas diferenzas xa foron denunciadas perante a Inspección de Traballo e a empresa accedeu a negociar un convenio para igualar as condicións.

A concesionaria desenténdese

Tamén critican que a empresa concesionaria do Álvaro Cunqueiro, á que o comité de empresa lle solicitou unha xuntanza, se desentenda da situación. «Levamos ano e medio de conversas e chegamos a un principio de acordo sobre un convenio de centro de traballo, que non se puido concretar cando abordamos a cuestión da ultractividade do convenio, xa que a Dirección non quere respectar as condicións pactadas cando remate a súa vixencia e mentres non se negocie un novo acordo», lamentan.

Todo isto, a pesar de que os traballadores e traballadoras foron cedendo en distintas cuestións co ánimo de desbloquear a situación.