O persoal de Unipost protestará en Santiago diante de Facenda para pedir «solucións políticas» que eviten o peche

CCOO considera que a Axencia Tributaria debe facilitar a venda de Unipost a outro operador postal
Publicado por o día 07/11/2017 na sección de CC.OO,Protestas,Sindicatos

O persoal de Unipost protestará en Santiago diante de Facenda para pedir «solucións políticas» que eviten o peche

Comisións Obreiras (CCOO) intensifica as mobilizacións do persoal de Unipost para esixir unha saída política que permita a compra deste operador postal privado e evitar o peche. O sindicato defende que a compra de Unipost por parte doutra empresa é viable, mais para iso precisa que a Axencia Tributaria, como principal acredor, o favoreza. Isto evitaría tamén un dos maiores expedientes de regulación de emprego (ERE) de toda España.

A convocatoria de CCOO, de ámbito estatal, prevé concentracións mañá mércores diante de diversas delegacións da Axencia Tributaria. En Galicia, a protesta será diante das oficinas de Facenda en Santiago de Compostela, no barrio de Salgueiriños, á que acudirán traballadoras e traballadores de toda Galicia. Ao tempo, haberá concentracións á mesma hora nos centros de traballo de Unipost da Coruña, Lugo, Ourense e Vigo.

A liquidación de Unipost acabaría con case 2400 empregos directos e uns 2000 indirectos. En Galicia, 123 traballadores e traballadores irían á rúa, advirte CCOO. Amais do «drama social» dun ERE extintivo desta envergadura, cómpre engadir que millóns de persoas quedarían sen servizo e que numerosas empresas resultarían tamén prexudicadas —ata 320 dependen da rede de Unipost.