Pese á perda de falantes, o galego segue a ser en Moaña “a lingua do mar”

Afonda en aspectos como a substitución lingüística, o uso do idioma ou o neofalantismo

Polo seu baixo índice de envellecemento, pola súa proximidade a Vigo, unha das cidades máis castelanizadas de Galicia, pola presenza do galego tradicional e pola súa rápida e fonda transformación social, o concello de Moaña presenta unha situación sociolingüística dinámica. E por estes motivos investigadores da Universidade de Vigo a través da Área de Normalización Lingüística escolleron este municipio para realizar un estudo sobre a lingua e a sociedade da vila e unha guía didáctica sobre os procesos sociolingüísticos. O traballo foi presentado este mércores no salón de plenos do Concello de Moaña por Fernando Ramallo, director da ANL da Universidade de Vigo e Martín Vázquez, investigador responsables do estudo xunto con Rubén Moralejo.

O director da ANL explica que esta iniciativa, que conta co apoio da Deputación de Pontevedra, xorde como resultado de detectar unha certa carencia de material pedagóxico relacionado coa situación social do galego que poida ser aproveitable no ensino secundario”. Ademais, a idea é que sexa un “proxecto aberto e flexible, que irá mellorando a medida que poidamos incorporar máis concellos e comarcas de Galicia” e, de feito, a previsión é replicar este estudo e a súa guía en cada unha das comarcas das provincias de Pontevedra e Ourense, incluíndo traballos específicos para as vilas grandes e as cidades das dúas provincias nas que ten presenza a Universidade de Vigo, avanza Ramallo.

Moaña, exemplo paradigmático

A elección de Moaña para este primeiro achegamento débese a que esta vila é “un exemplo paradigmático da confluencia de procesos como o mantemento, a substitución e a vitalidade lingüística”. Trátase, segundo Ramallo, dun concello “cunha dinámica sociolingüística especialmente atractiva”, consecuencia de varios factores, como ser un territorio con presenza de galego tradicional, contar co índice de envellecemento máis baixo entre os concellos do Morrazo e a súa proximidade a Vigo, “unha cidade moi castelanizada cun coñecido impacto socioeconómico esóxeno entre os concellos da súa contorna”. A consecuencia é que “en Moaña conviven todos os procesos sociolingüísticos que cómpre tratar para comprender mellor a situación da lingua galega e para poder intervir axeitadamente a favor da comunidade que nela se expresa”.

O galego, a lingua do mar

O estudo ofrece unha panorámica da situación sociolingüística de Moaña, que o investigadores cualifican como “dinámica”. Atendendo ás gráficas e mapas que capturan as diferentes etapas do proceso de substitución lingüística e aos relatos das persoas entrevistadas para o estudo, “vemos unha vila que sufriu unha transformación moi fonda e rápida, cambios que afectaron ao seu ecosistema lingüístico”, puntualiza Ramallo. Os datos amosan que a evolución do galego en Moaña segue as pautas xerais que se dan en toda Galicia, que reflicten que o uso do galego descende en moitos concellos, sobre todo nos situados nas periferias das cidades, como Moaña. Un dos fenómenos máis evidentes é a perda de falantes entre as e os máis novos. Os autores atopan que a infancia en Moaña é un sector da poboación onde o galego está pouco presente e a transmisión familiar da lingua non está garantida. De feito, as familias moañesas reducen o uso do galego na fala cotiá cos seus descendentes, especialmente, os máis maiores, avós e avoas, que falan moito menos galego cos seus netos e netas que no seu día a día.

Con todo, os investigadores tamén detectaron que hai ámbitos nos que aínda prevalece o galego como lingua principal, sobre todo aqueles relacionados cos sectores tradicionais, como a pesca e o marisqueo, moi presentes na Moaña actual. De feito, “o galego segue a considerarse polos moañeses e moañesas como a lingua do mar, mentres pola contra vai perdendo presenza en favor do castelán e doutras linguas conforme imos ascendendo na escala social do sector”.

En resumo, Ramallo considera que “a vida da xente nova en Moaña é substancialmente diferente da dos seus maiores, e iso tamén se ve reflectido na lingua, no seu uso e na súa forma. Aínda que o uso do galego é baixo nas novas xeracións, este está presente na familia próxima e isto é importante para futuros movementos de recuperación do idioma”. Por outra banda, tamén destaca a importancia das “novas sensibilidades” cara ao idioma de persoas que, non sendo galegofalantes, “queren introducir o galego no ámbito familiar por consideralo necesario para o futuro. Non son moitas, pero son importantes”.

Unha web para uso docente

O estudo, ademais de facer unha aproximación á situación sociolingüística de Moaña, deténdose nos procesos de substitución lingüística, mantemento do galego e  neofalantismo, tamén recolle unha reflexión sobre aspectos como as identidades, as actitudes ou as ideoloxías lingüísticas, sempre dende unha perspectiva didáctica, artellada arredor dunha achega divulgativa cuxo obxectivo é promover unha praxe a favor da lingua entre o persoal docente e, significativamente, entre o alumnado de secundaria.

De feito, as entrevistas en profundidade que os autores realizaron a veciños do concello, entre eles o músico Xil Ríos ou a actriz María Salgueiro, están recollidas xunto con outros recursos multimedia e unha serie de actividades para a aula na web do proxecto. Con todo este material, os autores agardan que as e os docentes dos institutos de Moaña poidan propoñer ao seu alumnado unha reflexión sobre os discursos e vivencias persoais destas persoas que “exemplifican a complexidade da situación social a través das súas diversas historias lingüísticas, usos, vivencias, ideoloxías e tamén prexuízos”.
Web da guía didáctica

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM