Petición das medidas de protección do Bernardo Alfageme a Patrimonio Histórico do Concello de Vigo

Publicado por o día 29/12/2014 na sección de Asamblea Aberta Coia,Social

Petición das medidas de protección do Bernardo Alfageme a Patrimonio Histórico do Concello de Vigo

Dende a Asemblea Aberta de Coia pensamos que a xestión do patrimonio cultural é demasiado importante para deixalo só ao abeiro de decisións políticas, cuxas miras non van máis alá duns poucos meses ou, ao sumo, esténdese a catro anos vista.

Paralizamos as obras da rotonda polo gasto insultante e inmoral dunha obra nun barrio que está sufrindo con crueza as consecuencias da crise, pero tamén pensamos que unha rotonda non é lugar para emprazar un ben cultural que incluso dende o goberno municipal cualifican como “…un exemplo de patrimonio industrial da cidade…”.

A idea do alcalde de emprazar o Bernardo Alfageme na rotonda de Coia semella contraproducente para a propia conservación do barco. Corrosión, deterioro por causas químicas ou microbiolóxicas, agresións antrópicas,…, son algunhas das conxunturas que deberían terse en conta a partir de hipotética instalación do barco na rotonda.

Por este motivo, vemos de solicitar formalmente ao Departamento de Patrimonio Histórico do Concello de Vigo que se faga pública a folla de ruta, que a corto e medio prazo, asegure a conservación do Bernardo Alfageme. Neste documento técnico deberían establecerseobxectivos, estratexias, temporización, orzamentos, medios técnicos e humanos co fin de controlar os posible danos sobre o barco, sinalando as medidas protectoras/correctoras que favorezan unha correcta conservación.

Esta demanda ante ao Departamento de Patrimonio Histórico do Concello de Vigo súmase á solicitude realizada ante a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia -co fin de que o barco sexa declarado B.I.C.-, xa que pensamos que calquera decisión sobre o futuro deste ben cultural en cuestión non pode ser tomada tan á lixeira.

NON PODE SER, O BARCO NA ROTONDA E A XENTE SEN COMER !!!

PRENSA ASAMBLEA ABERTA COIA