Piden imitar a Cádiz e subvencionar a esterilización animal en Vigo

Cun orzamento de 20.000€ poderíanse esterilizar 125 cans e máis de 160 gatos na cidade
Publicado por o día 03/10/2019 na sección de Galicia,Vigo

Piden imitar a Cádiz e subvencionar a esterilización animal en Vigo

A Asociación Animalista Libera propuxo esta mañá que o Concello de Vigo inclúa no proxecto de Orzamentos para 2020 unha partida específica para facilitar a esterilización dos animais ‘de familia’ das persoas empadroadas na localidade como iniciativa para evitar camadas indeseadas, comercio irregular e abandonos.
 
Os animalistas sinalan que especies como a felina posúen unha enorme capacidade reprodutora, podendo multiplicar a súa poboación exponencialmente en poucos anos e supoñendo un problema de gasto público superior, polo que cun orzamento de 20.000€ poderíase esterilizar a máis de 160 gatos evitando miles de crías durante o mandato, ao que se sumaría a esterilización de 125 cans no mesmo período de tempo.
 
Esta proposta non é nova e xa se aplica no Concello de Cádiz desde comezos de ano en colaboración co Colexio Provincial de Veterinarios, aínda que esta política pública xeneralizouse en cidades suramericanas como exercicio de control poboacional, con exemplos de interese como Montevideo, Bogotá ou Medellín, onde ademais ten un compoñente social, ao centrar parte das axudas en familias con poucos recursos.
 
LIBERA! subliña que unha política continuada de esterilización animal contribúe positivamente ao abandono, cun menor número de cans e gatos deixados á súa sorte por culpa dunha minoría que, ademais de irresponsable, delega no conxunto da cidadanía unha problema de recollida, rehabilitación e manutención de animais ata o momento da súa adopción.
 
Os defensores dos animais estiman que cada abandono ‘custa’ ás administracións públicas unha media de 300€ e a través dunha política de esterilización prevéñense futuros casos por unha cantidade que fluctúa entre os 60 e os 80 euros de prezo taxado cos profesionais veterinarios.