Piden imitar o cambio de modelo do zoo de Barcelona en Vigo

Os animalistas promotores da iniciativa queren trasladar o proxecto á cidade olívica
Publicado por o día 06/05/2019 na sección de Galicia,Vigo

Piden imitar o cambio de modelo do zoo de Barcelona en Vigo

Un pleno extraordinario do Ajuntament de Barcelona aprobou a semana pasada o novo plan estratéxico do parque zoológico e a modificación da Ordenanza de Protección Animal impulsada pola iniciativa cidadá ZOOXXI, logrando un importante cambio de paradigma no funcionamento futuro das instalacións.
 
A Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber sinalan que o novo rumbo do parque incluirá un maior compromiso coa conservación e a investigación, superando o modelo decimonónico de zoo como mero exhibidor de animais para cobrar unha entrada e que se centrará en promover a conservación ‘in situ’, a máxima que debería cumprir calquera espazo destas características.
 
Fronte ao avance de Barcelona, os animalistas advirten que VigoZoo segue quedándose nas marxes da evolución lóxica que deben experimentar os zoológicos españois, cuxo maior mérito nos últimos tempos é unha exposición sobre formigas ou, de forma recente outra sobre o quecemento global, sen que a colección de animais vise cambios en positivo.
 
Así, os colectivos lembran que formacións políticas como Marea de Vigo asumiron nos seus programas a necesaria reconversión do parque, que segundo os colectivos en defensa dos animais supoñería un paso cara a adiante moi importante para a cidade olívica, convertendo o zoo nun polo de atracción de visitantes concienciados, pero tamén de persoal investigador que podería apoiarse nas instalacións para realizar pescudas sobre a conservación animal e ambiental.
 
ZOOXXI propón incluír as tecnoloxías inmersivas para que calquera visitante puidese coñecer os programas de conservación que o zoo está a levar a cabo in situ, contribuíndo con cada entrada para financia estes proxectos sen xerar sufrimento animal, algo intrínseco á catividade destes seres vivos nas gaiolas e recintos.