Piden que se investigue porqué Galiza ten os prezos máis altos dos carburantes do Estado

“Como é posible que as distribuidoras pacten os prezos sableando aos galegos e as galegas e o Goberno de Feijóo non faga nada?
Publicado por o día 17/12/2017 na sección de BNG,Galicia,Política

Piden que se investigue porqué Galiza ten os prezos máis altos dos carburantes do Estado

A súa chegada a Burela para reunirse coa xunta de persoal do Hospital da Costa, a portavoz nacional, Ana Pontón, preguntábase canto custa coller o coche nun país que figura á cola en salarios pero soporta os prezos dos carburantes máis altos do Estado e unha das peaxes máis caras.

“Viña desde Santiago para A Mariña calculando canto lle costa a un galego ou galega coller o coche nun país onde temos unhas das peaxes máis caras de todo o Estado e que hoxe mesmo coñecemos que estamos pagando a gasolina e o gasóleo máis caros de todo o Estado español”, interpelou, “nun país con salarios baixos pagamos as peaxes e os carburantes máis caros”.

Pontón interpelou ao presidente da Xunta en relación a esta situación. “O que nos preguntamos e que está facendo Feijóo ante un novo atraco ao peto dos e das galegas, se vai poñer en marcha medidas para acabar con esta situación porque o primeiro é saber por que en Galiza, tendo unha refinería, pagamos a gasolina e o gasóleo máis caros, e que fai o Goberno galego ante unha situación que é un abuso que non se pode permitir”.

A dirixente do Bloque considera que o primeiro paso é abrir unha investigación para determinar as causas que levan a Galiza a encabezar o ranking do custe de encher o depósito do coche. “O mínimo sería abrir unha investigación para saber porque pasa isto, como é posible que as grandes distribuidoras pacten os prezos da gasolina sableando aos galegos e galegas e que o Goberno de Feijóo non faga absolutamente nada? É unha proba máis dun goberno que ten abandonada á maioría social”, concluíu.