Pili Peón participa en Santiago na asamblea xeral do Fondo Galego de Cooperación

Na sesión celebrada esta mañá en Santiago aprobouse o plan de actividades para este ano
Por o 29/03/2019 | Sección: Galicia,Silleda
Pili Peón participa en Santiago na asamblea xeral do Fondo Galego de Cooperación

Silleda volveu estar presente na Asamblea Xeral do Fondo Galego de Cooperación, do que o Concello é membro dende o ano 2016. A concelleira de Benestar Social, Educación e Igualdade, Pili Peón, participou hoxe en Santiago nesta convocatoria xunto a reprentantes  doutros concellos e deputacións.

Nesta asamblea xeral presentouse o Plan de Actividades para o ano en curso, logo de recoller as achegas realizadas polo persoal técnico nas xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria. O Plan de Actividades 2019 contempla catro áreas: fortalecemento da asociación, sensibilización da veciñanza fronte as desigualdades, proxectos de cooperación internacional e comunicación. Deste xeito, está previsto continuar captando novas administracións socias, fomentar a colaboración cos países lusófonos e reeditar o programa de voluntariado internacional e cooperación técnica Vacacións con Traballo, na súa dobre vertente.

Ao tempo, seguiranse ofertando actividades de educación para o desenvolvemento, como espectáculos musicais e teatrais, algúns deles novidades deste ano. Tamén se contará coas exposicións sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e sobre as persoas refuxiadas, canda novas mostras arredor dos dereitos humanos en Mozambique ou das mulleres en Guinea Bissau.

En canto á cooperación internacional, pecharanse as dúas iniciativas impulsadas en Mozambique, unha para previr doenzas e adiccións na mocidade a través do deporte e outra para garantir o abastecemento de auga nun municipio rural. Está previsto asemade iniciar novos proxectos con municipios da África lusófona, amais de reservar unha partida para axudas de emerxencia.

Alén da presentación do Plan de Actividades e do orzamento para 2019, a orde do día incluíu o balance do ano anterior, a ratificación das altas das novas administracións locais socias do Fondo Galego e o inicio do proceso para conseguir a Declaración de Utilidade Pública para a asociación de concellos e deputacións.

Comentar noticia

Your email address will not be published.