A pista de patinaxe ecolóxica deixa un balance positivo enriba da mesa

Por o 20/01/2018 | Sección: Galicia,Ponteareas
A pista de patinaxe ecolóxica deixa un balance positivo enriba da mesa
Compartir en:

A Concellería de Comercio, Hostelería e Consumo, que dirixe Inés Vidal, pecha o balance do impacto da instalación da pista de patinaxe ecolóxica con números positivos que reflexan o paso de máis de sete mil usuarias e usuarios.

Pola pista de patinaxe ecolóxica que estivo instalada baixo a carpa da Praza Maior, dende o oito de decembro ao 7 de xaneiro do 2018, pasaron máis de sete mil persoas que puideron patinar de balde e desfrutar desta actividade para toda a familia.

Todos os locais comerciais e hostaleiros da vila que participaron, un total de 420 establecementos, puxeron a disposición dos clientes entradas para a pista de patinaxe que debían ir acompañados polos tickets de compra debidamente cumprimentados. Foron moitos os comerciantes e hostaleiros que manifestaron que por vez primeira se achegaron aos establecementos clientes atraídos por esta iniciativa.

Todos aqueles que sumaran compras por valor igual ou superior a 20€ puideron ter acceso a esta pista que por primeira vez visita Ponteareas.

Aberta nun horario amplo que abarcaba dende as primeiras horas da mañá ata a tarde a pista ecolóxica foi todo ventaxas: aforro enerxético ao non ir conectada á electricidade, instalación e montaxe rápido e doado, sen colas porque se repartiron tickets con turnos e sen mollar nin dar sensación de frío ao ser sintética.

Xestionada por unha empresa con sede en Ponteareas, dispuxo de monitores en todo o horario de apertura e xerou emprego local ao ser todos residentes e veciños da vila.

A Concellería de Comercio fai un balance máis que positivo desta actividade que axudou ao comercio e hostelería local a premiar aos seus clientes. “Incentivar as compras no comercio local, afianzar e fidelizar a clientela e ofrecer ferramentas aos nosos establecementos para ser máis competitivos foi o noso obxectivo conseguido e así o reflexan os números. Sete mil usuarios e usuarias que mercaron un mínimo de vinte euros, e se collemos o dato máis baixo podemos falar de arredor de 140.000€ contabilizados que na práctica se triplican pero estamos seguros de que o total ascende a moitísimo máis xa que hai familias sen cativos ou que non fixeron uso dos tickets”.

Esta iniciativa está enmarcada dentro das liña de dinamización comercial da estratexia “Ponteareas, Hábitat Saudable”, financiada polos Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.