O Plan de Banda Larga da Xunta e o operador R cumprirán este ano o obxectivo de conectar a redes de ata 350 Mbps 14 polígonos da provincia de Lugo

O Plan, impulsado pola Amtega, chegará durante 2018 a 9 superficies luguesas tras activar o servizo noutras 5 entre 2016 e 2017
Por o 16/02/2018 | Sección: Galicia,Lugo
O Plan de Banda Larga da Xunta e o operador R cumprirán este ano o obxectivo de conectar a redes de ata 350 Mbps 14 polígonos da provincia de Lugo

O Plan de Banda Larga da Xunta facilitará este ano o acceso a internet con velocidades de ata 350 Mbps a outros 9 polígonos lugueses, acadando así un total de 14 superficies empresariais da provincia con redes ultrarrápidas. Así o anunciaron esta mañá a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, o director xeral de R, Alfredo Ramos, e o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro.

As actuacións do Plan comezaron en agosto 2016 e ao remate de 2017 había 5 polígonos da provincia con este servizo de banda larga ultrarrápida. Unha vez completado o Plan o 85% das superficies empresariais ocupadas da provincia terán acceso a redes de máis de 100Mbps.

Ademais, como complemento a esta actuación, a Amtega abriu en 2017 unha convocatoria de axudas para dotar de redes ultrarrápidas a empresas e autónomos das zonas máis illadas do rural. Destináronse un total de preto de 400.000 euros á subvencionar solucións específicas a máis de 30 empresas que agora dispoñen de velocidades de acceso a internet de entre 50Mbps e 350Mbps.

350Mbps e servizos R de valor engadido

As empresas dos polígonos beneficiados desta actuación do Plan poden contratar servizos de Internet a través de fibra óptica cunhas velocidades de ata 350 Mbps de baixada e 35 de subida, e cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas.

Ademais, R pon a disposición das empresas dos polígonos a tecnoloxía necesaria para que poidan acometer a súa transformación dixital. Nesta liña están os servizos e solucións na nube como a videoconferencia ou a posibilidade de usar os seus equipamentos e o software como servizo pagando só polo uso que deles fan, sen necesidade de investir. Outra opción á man destas empresas é o acceso aos servizos do chamado Internet das Cousas (IoT) e da industria 4.0, relacionados coa eficiencia enerxética, control de intrusións nas edificacións, servidores virtuais e analítica de datos (big data), entre outros.

Estas solucións intégranse en centros de datos profesionais, coma se formasen parte da rede local da empresa. Proximidade, polo tanto, e tamén flexibilidade para adaptarse ás necesidades dos negocios en cada momento.

E todo isto, grazas ás vantaxes das redes FTTH (Metro, RFoG, GPON…), que levan a fibra óptica ata a propia empresa nestes polígonos xa conectados ás redes ultrarrápidas de R

Prazos e orzamento

O Plan xa completou o despregamento 51 polígonos da Comunidade e este ano chegará aos 30 restantes. Deste xeito, en 2018, un total de 130 polígonos, que concentran case o 93% da superficie empresarial ocupada, disporán de acceso a redes de máis de 100 Mpbs.

A Amtega subvenciona estes despregamentos cunha axuda de 3,4 millóns de euros, que xerarán un investimento total de 5,2 millóns de euros. Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

Axudas para núcleos de poboación do rural

Tras as dúas primeiras actuacións orientadas a mellorar a conectividade no tecido empresarial, a Amtega puxo en marcha o pasado 15 de xaneiro a terceira actuación para facilitar o acceso a redes ultrarrápidas en zonas do rural que non contan con esta cobertura nin previsión de dispoñer destas redes.

Onte, xoves 15 de febreiro, pechábase o prazo de presentación de solicitudes para acceder a esta liña de axudas cun importe total de 14,2 millóns de euros, dirixida a operadores de telecomunicacións para facilitar o acceso a internet de cando menos 100Mbps en núcleos de menos de 150 habitantes.

Os operadores poderán actuar en calquera das 26.386 entidades de poboación de menos de 150 habitantes e noutros 80 núcleos de entre 150 e 300 habitantes.

As redes coas que se dote ás entidades de poboación deberán proporcionar servizos de cando menos 100 megas de baixada e 20 de subida, non establecer limitacións de descargas e permitir a realización de comunicacións de voz e vídeo en tempo real.

A Administración autonómica concederá unha subvención máxima do 90% do custo total de cada proxecto. Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

Con esta medida a Administración autonómica actuará nos núcleos máis pequenos con fondos FEADER, mentres que o Estado focalizará os seus esforzos en cubrir as entidades de maior tamaño coas convocatorias xa en marcha e as que licite nos vindeiros anos no marco do Programa Nacional de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración (PEBA).

POLÍGONOS QUE SE CUBRIRÁN CO PDBL2020