Plan de Traballo para a Comisión de Investigación sobre a Sanidade

Publicado por o día 29/10/2018 na sección de Política,PSOE

Plan de Traballo para a Comisión de Investigación sobre a Sanidade

O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, presentou o venres pasado o plan de traballo dos socialistas para a “Comisión da Verdade” sobre a situación da sanidade e desenmascarar a “Comisión da realidade inventada que pretende facer o PP”. Os socialistas queren averiguar se o presidente da Xunta “dixo a verdade” sobre a situación do PAC da Estrada cando faleceu un paciente por falta de asistencia no mes de agosto.

Torrado instou ao PP a “non vetar ningunha petición” de documentación ou comparecencias no dito órgano que permitirán dilucidar “a realidade dos feitos” e contrastala coa versión oficial de Feijóo. Sinalou que o suceso “adoece dunha explicación clara”, cunha versión oficial na que “algo falla” e que “presenta lagoas que resulta difícil que vaian poder soster”.

O portavoz socialista instou a chegar ata o fondo para averiguar “que hai de certo na explicación que apunta a un erro administrativo e humano, non vaia ser que estean intentando cubrir a alguén”, advertiu.

Reclaman a presenza do conselleiro de Sanidade e do propio presidente da Xunta, pero tamén do portavoz da familia da vítima, así como representantes dos profesionais dos PACs e do 061. Se o grupo maioritario atende ás peticións dos socialistas, dixo, “haberá suficiente documentación para comprobar a verdade dos feitos” xa que do contrario, dixo, se o PP opta por vetar o traballo da Comisión “tamén teremos unha resposta” do que sucedeu.

Conselleiro no alambre

Torrado apelou ao PP para que deixe traballar á Comisión e evite a tentación de facer “un circo”, en palabras do portavoz popular, no que “responda unicamente a Xunta”, senón que dea paso a colectivos, especialistas ou afectados polos recortes sanitarios. Trátase dunha “oportunidade única para saber o que pasa coa sanidade” mentres o conselleiro do ramo está “noqueado” e sostido no cargo unicamente porque Feijóo “quere mantelo para non amosar debilidade” na comisión.

Advertiu que a día de hoxe “ninguén confía no conselleiro” logo da “volta atrás” coa decisión de crear os pediatras de área, que “evidenciou que foi unha decisión tomada sen falar con ninguén” e que Feijóo o mantén no cargo pensando “nunha estratexia de partido mais que por necesidade”.

O responsable socialista anunciou o seu compromiso de afrontar a Comisión con “vocación ampla” para acadar a situación xeral da sanidade e das consecuencias de 9 anos de recortes. Reclama por iso comparecencias e documentación sobre o tráxico suceso da Estrada pero tamén da situación de Povisa, dos PACs, as fatais consecuencias de negarlle a medicación aos doentes de hepatite C, ou da precaria situación do persoal sanitario, “chave” para entender a situación da sanidade galega.

Marisquiño

Por outra parte, o portavoz do Grupo Socialista na Comisión de Investigación do Marisquiño, Abel Losada, anunciou hoxe que os socialistas non presentarán proposta de Plan de Traballo para a Comisión de Investigación sobre o accidente. Explicou que “declinamos contribuír á cerimonia da confusión deseñada polo PP en complicidade co BNG e En Marea co único interese de intentar desgastar politicamente ao alcalde de Vigo”.

Losada sinala que as conclusións do dito órgano están “escritas e declaradas dende o comezo” polo grupo maioritario, e ademais, lembrou, actualmente hai unha investigación xudicial en curso que “manifesta a necesidade imprescindible de contar con informes técnicos concretos para permitir valorar a situación”.

Considera “inxenuo pensar que dende o Parlamento poderemos avanzar máis que no ámbito xudicial” e sinalou que “non é viable pedir responsabilidades políticas cando non se sabe o motivo polo que caeu o peirao”.