O Plan Estratéxico Galego de Saúde Mental 2017-2020 estruturará as actuacións dos profesionais e organizará os recursos de xeito eficiente

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, afirmou onte que nos próximos meses se elaborará o Plan Estratéxico Galego de Saúde Mental 2017-2020
Por o 23/03/2017 | Sección: Galicia,Sanidad,Vigo,Xunta de Galicia
O Plan Estratéxico Galego de Saúde Mental 2017-2020 estruturará as actuacións dos profesionais e organizará os recursos de xeito eficiente
Compartir en:

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, afirmou onte que nos próximos meses se elaborará o Plan Estratéxico Galego de Saúde Mental 2017-2020, un documento que estruturará as actuacións dos profesionais e permitirá organizar os recursos de xeito eficiente.

Este texto centrarase en colectivos específicos de persoas e problemas e recollerá liñas como a implantación dun proceso asistencial integrado en depresión, o fomento da atención na comunidade do trastorno mental severo, o enriquecemento dos programas de rehabilitación psiquiátrica e a mellora da atención psicolóxica a colectivos con discapacidade.

No Pleno do Parlamento, o conselleiro avogou por que este plan sexa o resultado do esforzo colaborativo dun numeroso grupo de profesionais do ámbito da saúde, pacientes e outros axentes sociais e implicados, e destacou a dotación de recursos para a atención á enfermidade mental en idades extremas da vida, atendendo á patoloxía infantoxuvenil e psicoxeriátrica de xeito que cada Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) conte con recursos específicos. Neste sentido, indicou que recentemente foi creada na EOXI de Vigo unha unidade ambulatoria de atención psicoxeriátrica e que o próximo paso será a dotación na EOXI de Ferrol dunha unidade de saúde mental infantoxuvenil.

Vázquez Almuiña salientou así mesmo que o Sergas está a traballar dende o pasado mes de xullo na elaboración do Plan de prevención do suicidio de Galicia. Para isto formouse un grupo de traballo con expertos pertencentes a diferentes ámbitos da sociedade, co obxecto de fomentar a sensibilización social sobre esta problemática e facilitar a coordinación entre os diferentes sectores e axentes implicados na súa prevención.

O seu proceso de elaboración atópase en fase final de consenso das liñas e medidas estratéxicas, e xa se teñen iniciado as propostas de traballo para a elaboración dos procesos asistenciais e as accións necesarias para a súa implantación.  O texto contempla, entre outras medidas, a creación dunha comisión interinstitucional de coordinación para a prevención e atención ás condutas suicidas que garanta un seguimento e unha avaliación continua. Ademais, dende a Consellería de Sanidade estase a avanzar cun grupo de profesionais do Sergas na elaboración dun procedemento que permita a detección entre os pacientes hospitalizados de casos en risco de suicidio e dun plan de coidados individualizado por parte da enfermería.

No que atinxe á atención psiquiátrica da EXOI de Santiago de Compostela, o conselleiro indicou que non se produciu diminución algunha dos recursos sanitarios dedicados á saúde mental que, polo contrario, potenciáronse coa dotación de novos dispositivos como a Unidade de Hospitalización Psiquiátrica Infanto-xuvenil, que é única en Galicia e serve como centro de referencia de toda a comunidade para este tipo de pacientes.

Simultaneamente implementáronse numerosos programas asistenciais comunitarios e domiciliarios, así como dispositivos intermedios de integración comunitaria para estes doentes. Sempre se dispón de camas de hospitalización para pacientes agudos nas dúas unidades existentes, nas que se realizan centos de ingresos ao longo do ano, e estas unidades dispoñen da ratio de profesionais recomendada. Ademais, cubríronse todas as vacantes xeradas por xubilacións, incluída a parte asistencial das prazas vinculadas á USC.

Atención Primaria en Valdeorras

Doutra banda, Vázquez Almuiña asegurou que na zona do Barco de Valdeorras existe dotación de persoal suficiente para dar resposta á demanda asistencial da súa poboación. Todas as ratios de tarxetas sanitarias de médicos e profesionais de enfermería no Barco, Viana, Trives, Larouco, Petín, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras, Carballeda de Avia, A Rúa, A Veiga e O Bolo están dentro, e nalgúns casos moi por debaixo, das marxes recomendadas polas sociedades médicas.

Estas cifras, afirmou, corroboran que as necesidades asistenciais están correctamente cubertas e que os recursos son xestionados de forma adecuada e eficiente, sen prexuízo de que de forma sistemática se analicen as necesidades e se adopten as correccións precisas. De feito, en 2017 incrementáronse dúas prazas de facultativo de PAC, unha no do Barco de Valdeorras e outra no de Viana.

Polo que respecta ás infraestruturas, nos últimos anos fixéronse melloras no centro de saúde do Barco, como a climatización e a ampliación da sala de fisioterapia, con  440.000 euros de investimento. Máis recentemente colaborouse co Concello da Rúa para a instalación dun ascensor no centro de saúde, con 30.000 euros, e co do Bolo para melloras no centro de saúde, con 16.000 euros máis.

Ademais, dotouse ao hospital dunha torre de endoscopia cirúrxica, un mamógrafo dixital, un novo TAC e a dixitalización da sala de radioloxía, con outros 440.000 euros de investimento.