O Plan forestal prevé incrementar en seis millóns de toneladas anuais a fixación de carbono por parte dos montes galegos

O plan, que se atopa na fase final da súa elaboración, constata que os nosos montes arborados son o maior sumidoiro de carbono da comunidade e que xa fixaron máis de 93 millóns de toneladas, segundo estimacións do 4º Inventario Forestal Nacional
Publicado por o día 25/12/2017 na sección de Medio Ambiente,Xunta de Galicia

O Plan forestal prevé incrementar en seis millóns de toneladas anuais a fixación de carbono por parte dos montes galegos

Os montes son o maior sumidoiro de carbono de Galicia. Os nosos montes fixaron máis de 93 millóns de toneladas de carbono, segundo estimacións recollidas no 4º Inventario Forestal Nacional (INF4), e no Plan Forestal de Galicia (PFG) prevese que cada ano se incremente esta cifra noutros 6 millóns de toneladas. Esta capacidade é fundamental na mitigación do cambio climático e no desenvolvemento de enerxías renovables.

Estas consideracións plásmanse no documento do plan, que actualmente se atopa na súa fase final de elaboración, consonte ao establecido polas disposicións internacionais sobre cambio climático. Así, o artigo 4 da Convención Marco de Nacións Unidas sobre Cambio Climático determina que os países deben impulsar a xestión sustentable dos bosques (aproveitamento sostido dos recursos sen que estes diminúan a longo prazo) e promover e apoiar a conservación e o reforzamento dos “sumidoiros”, incluíndo a biomasa e os bosques.

Os importantes cambios nos réximes de temperaturas e precipitacións, así como a existencia de fenómenos climáticos extremos, tanto a escala local, rexional como global, intimamente ligados ao cambio climático, están a afectar ineludiblemente á extensión e á composición dos bosques. Á súa vez, a deforestación, a deterioración dos bosques e a súa falta de xestión contribúe de xeito significativo a agravar este patrón climático.

Meta estratéxica

Ademais, o papel dos montes na mitigación dos efectos do cambio climático foi amplamente constatado e avalado por numerosos comités ou grupos científicos e é postulado por institucións nacionais, rexionais e internacionais como unha meta estratéxica a incorporar e potenciar dentro dos seus programas de goberno fronte ao cambio climático. Constitúen, así, unha reserva indiscutible de carbono que é necesario conservar para mitigar os efectos do cambio climático. Igualmente, é crucial xestionar os bosques para mellorar a súa resiliencia e capacidade de adaptación ao cambio climático.

No Plan Forestal lémbrase que os produtos de madeira son tamén un importante almacén de carbono; o seu uso permite aforrar emisións de dióxido de carbono e colabora, dese modo, na mitigación do cambio climático. O carbono fixado polas árbores durante o seu ciclo de vida mantense almacenado nos produtos madeireiros durante toda a súa vida útil, podendo ser reempregados e reciclados, feitos que melloran de xeito significativo o aforro deste tipo de emisións á atmosfera.

Tendo en conta o seu ciclo de vida, a madeira é un produto de comportamento ambiental superior a outros materiais, dado que necesita menor gasto enerxético na súa produción, é natural, biodegradable e reciclable (prolonga a súa retención de carbono absorbido), entre outras múltiples características positivas dende o punto de vista medioambiental. En definitiva, destácase que a madeira é o único material capaz de reducir as emisións de carbono á atmosfera e actuar como sumidoiro ao mesmo tempo.

Marco normativo

A propia lei de Montes de Galicia, como marco normativo de referencia, establece entre os seus principios inspiradores a integración na política forestal dos obxectivos da acción internacional sobre protección do medio ambiente, especialmente en materia de desertificación, cambio climático e biodiversidade, e a adaptación dos montes ao cambio climático mediante unha xestión encamiñada á resiliencia e resistencia dos montes ao mesmo.

Por outra banda, a realidade actual dun clima cambiante con condicións progresivamente máis drásticas fai prever a existencia de incendios forestais cada vez máis extensos, intensos e perigosos, ademais de concorrer noutras situacións que agravan dita situación (por exemplo, a proximidade da interfaz urbano-forestal ou poboación-monte). Xorde así a necesidade de planificar a prevención e defensa contra os lumes forestais mediante a autoprotección e mellora da vulnerabilidade climática dos propios recursos forestais baixo técnicas silvícolas encamiñadas á devandita finalidade, a resistencia e resiliencia das masas fronte aos incendios.