O plan revitaliza da deputación atrae a 117 aspirantes a mestras e mestres composteiros

A institución provincial oferta 30 prazas para formarse na ‘Facultade de Compostaxe’ e concederá 25 bolsas de prácticas de dous anos de duración
Publicado por o día 20/02/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

O plan revitaliza da deputación atrae a 117 aspirantes a mestras e mestres composteiros

A Deputación de Pontevedra vén de recibir 117 solicitudes para participar no proceso de selección da terceira convocatoria das bolsas para mestras e mestres composteiros ao abeiro do Plan Revitaliza. A lista provisoria de admitidos publicarase no día de mañá logo de dar por pechada a recepción de solicitudes tanto a través do rexistro provincial, doutras administracións como por correo postal.

O departamento de Recursos Humanos da Deputación está a revisar toda a documentación presentada polos aspirantes e, no caso de haber algún tipo de reclamación, daráselle resposta para poder publicar a lista definitiva a finais deste mes. A intención é que a primeira proba, un exame tipo test, se realice entre finais o 7 ou 8 de marzo nas instalacións de Príncipe Felipe. Posteriormente os aspirantes terán que realizar unha entrevista persoal e pasar un curso de formación na ‘Facultade de compostaxe’ de seis semanas de duración.

A intención é que os novos e novas bolseiras estean incorporados ao Plan Revitaliza como moi tarde o día 1 de xuño, formando parte así do plantel que atende os centros de compostaxe comunitarios de 36 concellos dispersos por toda a provincia, no que a día de hoxe están a traballar xa 6 técnicos de residuos especializados en compostaxe, 12 mestras e mestres composteiros –MECOS- e outros 20 traballadores en prácticas.

A dotación económica das novas bolsas ascende a 1.400 euros ao mes, que inclúen gastos por dietas e desprazamentos. Como novidade deste curso, a duración das bolsas será dun ano prorrogable até un máximo de dous exercicios. Durante ese tempo os bolseiros serán responsables do mantemento e xestión dos centros de compost comunitarios da Deputación de Pontevedra, así como animadores da compostaxe como sistema de tratamento de lixo.

Esixencia de formación

Na primeira convocatoria das bolsas para mestras e mestres composteiros (novembro de 2015) presentáronse 443 aspirantes, dos que foron seleccionados 18, mentres que na segunda

convocatoria (febreiro 2017) presentáronse 222 dos que foron seleccionados 20. Todos eles tiñan unha formación moi superior á requirida nas bases, xa que case na totalidade eran licenciados con máster ou doutores nas súas respectivas carreiras. Nesta edición de 2018, a xa demostrada dificultade de acceso a través das probas e a esixencia da formación intensiva na ‘Facultade da Compostaxe’ minguaron o número de aspirantes, xa que haberá catro aspirantes para cada unha das 25 prazas ofertadas.

Para a selección dos bolseiros e bolseiras constituirase unha comisión integrada por un xefe ou xefa de servizo, un ou unha representante técnica superior e o secretario da Deputación. O proceso, como xa é coñecido, desenvolverase en tres fases. A primeira proba será un exercicio tipo test de carácter eliminatorio con 100 preguntas e catro respostas alternativas -relacionadas con cinto temas sobre os residuos orgánicos de tipo doméstico-. Neste exercicio o tribunal determinará a puntuación que se require para superar a proba en función da complexidade técnica das preguntas ou do número de aspirantes presentados. Terá unha puntuación de 100 puntos.

A segunda proba consistirá nunha entrevista persoal de carácter obrigatorio e non eliminatorio que versará sobre o currículo, obxectivos profesionais ou dispoñibilidade, que permitirá comprobar a preparación dos candidatos e candidatas. Terá unha puntuación de 20 puntos.

A terceira fase consistirá no curso de formación, de carácter obrigatorio e eliminatorio, cunha duración de mes e medio. Os e as aspirantes deberán superar as materias impartidas ao longo do propio curso, que terá módulos avaliados por profesores de ámbito internacional, estatal e nacional, dos que se extraerá unha media ponderada como nota final. Finalizado o curso, a comisión seleccionadora proporá a adxudicación das bolsas convocadas a 25 dos 30 aspirantes que obtivesen a maior puntuación no curso de formación da ‘Facultade da Compostaxe’.

Hai que lembrar que o obxectivo do plan provincial de compostaxe –Plan Revitaliza- é que os municipios pontevedreses poidan cumprir cos obxectivos da UE que obrigan que en 2020 o 50% do lixo municipal sexa preparado para reutilizar e reciclar, aspecto que precisa dun tramento alternativo ao actual para os residuos orgánicos.