A Plataforma Anti-lindano da Louriña manifesta que seguen sen unha solución

Publicado por o día 23/12/2017 na sección de Galicia,O Porriño,Plataforma Anti-lindano da Louriña,Social

A Plataforma Anti-lindano da Louriña manifesta que seguen sen unha solución

Manifestaban o seu desacordo no día de onte mediante un comunidado no que decian o seguinte: Queremos amosar o noso profundo malestar e desacordo, tanto coas declaración da Alcaldesa do Porriño aparecidas hoxe na prensa, como coa xestión en xeral que están a levar a cabo Xunta e Concello. É triste que aínda se reuniran onte en Vigo por primeira para tratar un tema tan grave e que nese encontro non estivera convidada ningunha das persoas afectadas.

É aínda peor que traten de pasarse a responsabilidade dunha administración a outra, alegando ocultación de información ou falta de competencias na materia, mentres as semanas pasan sen unha solución clara e definitiva a este veleno.

No eido local atopámonos nunha situación de desamparo, unha falta de liderado e de interese que fai que a información non se trate con rigor e que ata situación de contaminación de pozos non se notifiquen por escrito.

Queremos que quede claro dunha vez por todas que non debe trasladarse a mensaxe de que o lindano é unha substancia “tóxica” xa que, segundo a Organización Mundial da Saúde, é canceríxena, non só produce síntomas similares aos dun brote alérxico. Tamén numerosos estudos científicos desmostran que é acumulable no organismo humano por inhalación, inxestión e vía cutánea (pola pel).

A día de hoxe, no barrio do Contrasto a xente segue exposta de xeito directo ao lindano que aínda está espallado pola beira do camiño. Cando onte, por primeira vez e trala insistencia da veciñanza, a Alcaldesa por fin visitou a zona puido comprobalo. Fala de “bolas” esparexidas, efectivamente, pero que contaminan toda a terra que as arrodea, o aire e auga.

Esiximos que se retire definitivamente toda esta terra en superficie. Asemade é imprescindible que se diriman as responsabilidades ás que houbera lugar dentro do goberno municipal, no que sospeitamos non flúe a comunicación. Precisamente deste tipo de falta de entendemento estamos a pagar vecinos e veciñas as consecuencias e non atopamos explicación ao silencio do concelleiro Marcelino Coto (responsable de Medioambiente).