A Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo concentrouse diante da Delegación do Goberno da Coruña

O colectivo pide garantías na xestión e control dos residuos e a creación dunha Comisión de Seguimento e Avaliación
Por o 09/02/2017 | Sección: A Coruña,Galicia,Medio Ambiente,Vigo
A Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo concentrouse diante da Delegación do Goberno da Coruña

A Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo desenvolveu unha concentración este mércores diante da Delegación do Goberno (A Coruña) para demandar solucións ao Goberno español e á Xunta de Galiza para a posta en marcha do Plan de Dragado e Rexeneración da Ría do Burgo.

O colectivo, que subscribe as alegacións formuladas pola Confraría de pescadores, centra o seu escrito nas cuestións relativas á xestión dos residuos, na falta de medidas control dos recintos onde se depositarán os mesmos ou na inexistencia dunha comisión de seguimento.

No referido á xestión dos sedimentos a dragar e a  reubicación dos mesmos, segundo a súa caracterización e clasificación, a Plataforma amosa as súas reservas sobre que as alternativas de xestións propostas no estudo que está a disposición pública sexan as máis acaídas, especialmente cando non se deron a coñecer as diferentes opcións que avaliou a administración.

E aínda non dispondo de tempo abondo para un análise coa suficiente capacidade técnica, é evidente que as labores de dragado causarán unha dispersión de contaminantes na Ría, así como nos lugares do vertido costeiro posterior. Non obstante, descoñécense as medidas concretas que se van adoptar para extremar a protección ambiental conforme  á lexislación vixente.

Neste senso, a Plataforma destaca a súa preocupación en relación ao clasificado como material de categoría IIIa e II con toxicidade positiva. Este material dragado nos  sectores II, III, VI, VII y XII  será confinado nos dous recintos habilitados: Norte (Oleiros) e Sur  (Culleredo). No proxecto asegúrase que o confinamento do material nestes recintos realizarase mediante xeotubos colocados no interior dos mesmos que recibirán o material dragado. A cobertura deste confinamento servirá para ampliar o paseo marítimo existente.

Porén, nada se di das medidas que se van adoptar en relación ao seguimento, control e supervisión ao longo dos anos da seguridade destes recintos para evitar fendas,  perdas ou fugas que se poidan producir nas paredes onde se depositarán estes sedimentos. Máis tendo en conta que ficarán confinadas sen sometelas a ningún tratamento, en recintos e con materiais que son deteriorábeis co paso dos anos.

Comisión de Seguimento

A Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo bota en falta tamén que no proxecto non se contemple a creación dunha Comisión de Seguimento e Avaliación, que debera estar integrada pola Demarcación de Costas, a Consellaría do Mar e a Consellaría de Medio Ambiente, a Universidade da Coruña, os concellos da Ría, a  Confraría de Pescadores e  a propia Plataforma.

Ao entender do colectivo, esta Comisión tería que constituírse antes da aprobación definitiva do Proxecto e da súa licitación e perdurar até pasados 24 meses da finalización de todas as actuacións previstas. Tempo este estimado para o asentamento e estabilización das áreas nas que se actuou e para que se teña producido a rexeneración, recuperación produtiva, medio ambiental e de ocio da Ría do Burgo.

As funcións desta Comisión serían a de estabelecer os necesarios seguimentos para verificar o grao de execución, cumprimento e evolución do dragado até a súa finalización. Ademais da posta en marcha dos Protocolos de Control e Actuación sobre os recintos de confinamento dos sedimentos de material de categoría IIIa e II con toxicidade positiva.

No relativo ás zonas de actuación, ao programa de vixilancia ambiental,  aos bancos marisqueiros,  dragado de sectores con distintas categorías por procedemento de xestión e impactos sobre os bancos marisqueiros, ou á incompatibilidade de actividades -durante a fase de execución da obra-, desta e da actividade marisqueira, a Plataforma subscribe as alegacións presentadas pola Confraría de Pescadores.

Finalmente, reiteran que o dragado da Ría é unha reivindicación que a Plataforma leva anos realizando, pero nestes momentos persiste a desconfianza na execución do proxecto “mentres non se aclaren, habiliten e aproben as partidas económicas que fagan realidade esta actuación tan necesaria”.