A plataforma É-Saúde xa permite o acceso de terceiras persoas autorizadas á carteira de servizos telemáticos dos pacientes

Isto posibilita xestionar de modo máis directo e áxil os procesos de saúde a través dunha terceira persoa autorizada para o efecto
Por o 03/04/2017 | Sección: Sanidad,Vigo,Xunta de Galicia
A plataforma É-Saúde xa permite o acceso de terceiras persoas autorizadas á carteira de servizos telemáticos dos pacientes

​A Plataforma É-Saúde permite xa que os pais, nais e titores, no caso dos menores de idade, ou os representantes legais ou persoas expresamente autorizadas polo paciente no caso dos maiores, accedan no nome dos titulares aos servizos telemáticos personalizados que se ofrecen neste dispositivo a Plataforma É-Saúde.

Isto posibilita xestionar de modo máis directo e áxil os procesos de saúde a través dunha terceira persoa autorizada para o efecto. Entre outros servizos, permite ter acceso aos mesmos informes médicos e información sanitaria do titular do dereito, como os informes médicos de probas diagnósticas, as citas médicas ou os fármacos prescritos e pendentes de dispensación na oficina de farmacia. Ademais, Sanidade tamén engadiu aos servizos dispoñibles os informes de calendario de vacinación infantil.

O acceso aos servizos telemáticos facilítase deste xeito respecto dos menores de idade, nos que por lóxica legal e operativa son os pais, nais ou titores legais os responsables e os que realizan todas as xestións do proceso asistencial, e cos que os profesionais toman as decisións diagnósticas e terapéuticas. Tamén respecto doutras persoas nas que polas limitacións propias da idade, da enfermidade, polo descoñecemento das novas tecnoloxías ou outras circunstancias son os coidadores familiares ou profesionais os que os acompañan na toma de decisións asistenciais.

Polo tanto, calquera pai, nai, titor legal ou coidador pode xa solicitar o permiso no seu centro de saúde, acompañando o seu DNI ou pasaporte, así como libro de familia, partida de nacemento ou documento que acredite a tutela ou a patria potestade para o caso de menores, ou sentencia xudicial de incapacitación ou tutela legal no caso de persoas incapacitadas. É tamén necesario que tanto o paciente como a terceira persoa autorizada e solicitante de dito acceso dispoñan da tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde.

Plataforma É-Saúde en marcha dende setembro

A plataforma dixital E-Saúde é unha ferramenta dirixida a pacientes e cidadáns que permite acceder a unha serie de servizos interactivos e contidos personalizados de saúde dende calquera dispositivo conectado a internet e que actualmente conta xa con máis de 18.000 usuarios.

É-Saúde posibilita a estas persoas consultar e xestionar as súas citas, revisar a súa folla de tratamentos, os informes de alta, informes de probas diagnósticas, entre outras prestacións directamente dende o seu móbil, ordenador ou tablet.

Tamén permite acceder á axenda de citas en atención primaria ou especializada actualizada, posibilitando completala con citas e eventos persoais de maneira que o paciente, dende o propio móbil, poida consultar cando ten que recoller unha receita na farmacia, ir a unha consulta médica, realizar unha proba diagnóstica ou facer as actividades de promoción da saúde que tivera programado.

A Plataforma permite ademais o acceso a todos os cursos de formación da Escola Galega de Saúde para Cidadáns e dos cursos desenvolvidos polas asociacións de pacientes.

Así mesmo, a través dela pódense consultar servizos ou participar nas comunidades entre o seu persoal médico e de enfermería e outros pacientes, e nas asociacións de pacientes que lle permitan contactar con outros doentes cos que comparta dúbidas, recomendacións de hábitos de vida, etc.; todo iso coa garantía que ofrece o feito de que toda a información estea albergada no servidor do Servizo Galego de Saúde, coa conseguinte seguridade xurídica e tecnolóxica que iso supón.