A Plataforma femenista galega de Ourense sae ante as as declaracións da deputada Ana Vázquez Blanco nas que desprestixia ao movemento feminista

Por o 03/01/2018 | Sección: Colectivos Feministas,Social
A Plataforma femenista galega de Ourense sae ante as as declaracións da deputada Ana Vázquez Blanco nas que desprestixia ao movemento feminista

Desde a Plataforma Feminista Galega de Ourense amosamos a nosa fonda indignación ante as palabras de Ana Vázquez Blanco (deputada ourensá do PP) ao considerar “oportunismo político” vincular o asasinato de Diana Quer coa violencia machista.

O Partido Popular segue sen comprender qué é o machismo, que é a violencia de xénero, etc. e iso vese reflectido nas súas políticas e feitos:

O mesmo día que o PP conxela o Pacto de Estado contra a Violencia Machista aprobado o pasado novembro, Ana Vázquez Blanco trata de desprestixiar as concentracións dos colectivos feministas e os actos e manifestacións públicas en repulsa ao asasinato machista de Diana Quer tachando estas accións de “oportunismo político”, considerando este suceso como un acto libre de machismo e poñendo énfase en que foron dous homes os que “salvaron” á segunda vítima do asasino de Diana…

Cómpre aclararlle á deputada Ana Vázquez e a quen pensa como ela que non é por oportunismo, nin político nin de ningún outro tipo, polo que saímos ás rúas: concentrámonos, manifestámonos… porque estamos fartas de que se nos asasine polo feito de ser mulleres, de que se nos culpabilice por ir soas, pola roupa que poñamos ou polo que fagamos. Berramos porque nos queremos vivas e libres, e porque nos vai a vida nelo. O simple feito de que traten isto como oportunismo ofende e da vergoña allea.

Desde a PFG de Ourense queremos transmitirlle a Ana Vázquez que as mulleres ourensás precisamos de representantes que coñezan o significado da violencia machista, que saiban diferenciar a humanidade intrínseca ás persoas das condutas machistas, que distingan entre o dereito a manifestar a dor e indignación polo asasinato dunha muller vítima dunha agresión machista dun “oportunismo político”.

O Observatorio da Muller ven de informar de que Diana Quer será contabilizada como a primeira vítima de violencia machista do 2018.

A cadea perpetua non cura o machismo. Para erradicar a violencia machista cómpre, entre outras moitas cousas, loitar contra todo un sistema de valores, que conforman o patriarcado, e que como podemos observar día a día, seguen estando moi enraizados na nosa sociedade.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.