A plataforma #NoMásCortesDeLuz convoca mobilizacións contra a pobreza enerxética

Publicado por o día 20/12/2016 na sección de Amigos da Terra,Vigo

A plataforma #NoMásCortesDeLuz convoca mobilizacións contra a pobreza enerxética

Co obxectivo de visibilizar a realidade da pobreza enerxética que golpea a millóns de persoas en España, froito dunha crise inxusta e dunha xestión irresponsable centrada en recortes sociais e de dereitos, a Plataforma #NoMásCortesDeLuz, formada por máis de 25 organizacións sociais, cidadás, ecoloxistas, veciñais, de consumidores, sindicatos e partidos políticos, convocaron mobilizacións en todo o Estado o próximo 21 de decembro, entre as cales haberá un apagamento eléctrico de 19:00 a 20:00 horas.

En Galicia estan convocadas manifestacións nas seguintes cidades:

A Coruña (Santiago de Compostela)
Praza de Galiza — 20.00 h — Manifestación

A Coruña (Ferrol)
Praza Amanda García (diante do edificio administrativo dá Xunta de Galicia) — 19.00 h — Manifestación

Ourense
Praza Maior — 20.00 h — Manifestación

Pontevedra (Vigo)
Vía Norte — 20.00 h — Manifestación

As manifestacións coincidirán maioritariamente cun apagamento eléctrico como expresión de solidariedade cidadá e compromiso das institucións públicas.

A pobreza enerxética é un dos principais problemas sociais e económicos desde o estalido da crise. Ao crecemento e cronificación do desemprego, á drástica redución de salarios sumouse unha escandalosa subida de tarifas provocando un escenario de evidente vulnerabilidade e risco. Sete millóns de persoas teñen dificultades para pagar a luz e máis de cinco millóns non terán calefacción este inverno. En paralelo, as tres grandes eléctricas conseguiron beneficios que superan os 58.000 millóns de euros á conta de vulnerar un dereito fundamental das persoas, o acceso a un ben esencial como a electricidade.

Unha situación dramática e intolerable que esixe respostas inmediatas e viables. Neste sentido, a Plataforma #NoMásCortesDeLuz critica duramente o actual bono social ao que cualifica de “medida paliativa e cosmética”, considerando que deixa excluídas ás dúas terceiras partes das persoas afectadas mentres se subvenciona a fogares con rendas altas.

Para a Plataforma as súas esixencias pasan, entre outras reclamacións; por prohibir legalmente os cortes de luz ás familias con problemas económicos; pór fin aos abusos tarifarios co establecemento de prezos alcanzables e accesibles regulados polo Goberno; creación dunha nova tarifa social de carácter reducido asumida polas eléctricas; recoñecemento e devolución por parte das grandes compañías eléctricas de 3.500 millóns de euros cobrados indebidamente; promover unha exhaustiva auditoría ao sistema eléctrico e unha profunda reforma do tratamento fiscal mediante a aplicación do IVE superreducido, 4%, en tanto se trata dun ben esencial e básico para a cidadanía.

Neste sentido, a Plataforma solicita aos e as representantes das institucións públicas o seu compromiso mediante a aprobación de mocións e resolucións.

Participando desde casa co apagamento

Así mesmo, as organizacións convocantes fan un chamamento a acompañar esta manifestación cun apagamento eléctrico de 19:00 a 20:00 horas do mércores 21 de decembro como demostración de apoio e compromiso nesta loita. Este chamamento faise especialmente extensible a concellos e institucións públicas co fin de que fagan visible este compromiso apagando a iluminación de edificios públicos, monumentos e espazos emblemáticos así como a iluminación do Nadal.