O plenario de En Marea debaterá os regulamentos de funcionamento e os documentos sobre a alternativa política de Galicia

Tamén se debaterán o modelo de financiación autonómica de Galicia e a necesidade de infraestruturas para o futuro do país.
Publicado por o día 01/07/2017 na sección de En Marea,Política

O plenario de En Marea debaterá os regulamentos de funcionamento e os documentos sobre a alternativa política de Galicia

O Consello das Mareas reuniuse en Santiago para ultimar a organización do plenario que terá lugar o vindeiro día 15 de xullo, tamén na capital galega. No consello abordáronse os dous tipos de documentos que serán debatidos no plenario, os de tipo orgánico e os de tipo político. A organización deste vindeiro plenario foi presentada polas voceiras da coordinadora, Ana Seijas, Victoria Esteban e Luís Villares. Ademais do documento, tamén se aprobou o calendario que resta ata o día 15.

Documentos políticos
Entre os documentos políticos que serán debatidos no plenario, o principal deles é o que leva por título “En Marea como alternativa política das maiorías sociais de Galicia”. Este documento é considerado o central no debate político. Ademais, serán presentados e debatidos dous documentos para explicar as propostas sobre argumentos fundamentais para o futuro de Galicia. O primeiro deles son “As propostas para o modelo de financiación autonómico”. O segundo documento repasará as necesidades de Galicia desde a perspectiva das infraestruturas. “Infraestruturas para un país”, é o título deste documento.

No plenario tamén nacerá o proceso doutro debate que terá como fin un documento a presentar no plenario do vindeiro decembro. Este traballo, que seguirá o proceso realizado tanto para a financiación autonómica como para as infraestruturas, abordará o devalo demográfico de Galicia.

Documentos orgánicos
No orgánico, o plenario tratará a aprobación dos distintos regulamentos de funcionamento. O regulamento do funcionamento dos plenarios, o regulamento do Consello das Mareas e tamén o regulamento da coordinadora.
Tamén formará parte dos documentos orgánicos a aprobación da carta financeira e o documento para regular a extensión territorial de En Marea.

Calendario

O Consello das Mareas aprobou o calendario de prazos para a inscrición e presentación e aprobación de documentos. Os documentos aprobados pola coordinadora serán remitidos aos inscritos a partir de hoxe para a presentación de emendas antes do seu debate no plenario.

Ata o 10 de xullo está aberto o prazo para inscripción de quen queira participar no plenario.
Ata o 10 de xullo está aberto o prazo de presentación de emendas dos documentos remitidos aos inscritas.
11 de xullo: cualificación das emendas pola comisión relatora
13 de xullo: envío aos inscritass das emendas cualificadas
15 de xullo: plenario