O Pleno aproba a nova ordenanza de tenza de animais que permitirá habilitar praias caninas

A unanimidade da Corporación acorda tamén usar a toponimia tradicional no nome oficial de espazos da cidade e dá luz verde a poñer o nome de Miguel Ángel Blanco á futura praza da Xustiza viguesa.
Publicado por o día 26/07/2017 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O Pleno aproba a nova ordenanza de tenza de animais que permitirá habilitar praias caninas

A concelleira de Medio Ambiente, Chus Lago, defendeu a necesidade da modificación da ordenanza municipal para a protección e tenza de animais para que os cans poidan gozar, durante todo o ano, dun espazo de esparexemento ao carón do mar. Tras a aprobación plenaria, que contou cos votos favorables de PSOE e Marea e a abstención do PP, o Concello debe decidir cales son os areais aptos para o uso canino nos meses de verán.

Rubén Pérez de Marea de Vigo aludiu á tardanza en presentar a proposta de modificación da ordenanza e o popular Diego Gago criticou que o texto, que ten “17 anos” está “obsoleto e soamente se cambian tres artigos”.

Praza Miguel Ángel Blanco 
Co apoio do PSOE e a abstención de Marea de Vigo, a Corporación deu luz verde na sesión plenaria de hoxe á moción do Partido Popular de poñerlle o nome de Miguel Ángel Blanco á futura praza da Cidade da Xustiza, en memoria do concelleiro vasco e de tódalas vítimas da barbarie terrorista no noso país.

A voceira popular, Elena Muñoz, reivindicou o espírito de Ermua e a unión que representa para xustificar este nomeamento co se honra a tódalas vítimas do terrorismo, dixo. O edil de Marea, Xosé Lois Jácome, instou á Corporación a que non se empregue un só nome, senón que figure o de “Praza da Devesa do Couto, dedicada ás vítimas do terrorismo”, mentres o voceiro socialista, Carlos López Font, aludiu á obrigada homenaxe da sociedade ás vítimas do terrorismo e ao rexeitamento dos partidismos políticos nestas cuestión.

Uso da toponimia oficial 
O Pleno deste mércores aprobou por unanimidade a moción presentada por Marea de Vigo para cumprir o acordo de 25 de outubro do 2004 de maneira que as vindeiras denominacións das realidades xeográficas teñan como nome oficial o da toponimia tradicional, coa opción de combinala cunha dedicatoria a unha figura ou feito escollido pola Corporación.