O pleno do concello de Nigrán da luz verde ao pago de 136.481€ a CESPA polos atrasos acumulados dende 2013 a 2015

A moción, cos votos favorables de PSOE e BNG e a abstención dos demais grupos, salda unha obriga contractual do Concello e ampara aos traballadores e a calidade do servizo
Publicado por o día 23/02/2018 na sección de Eventos

O pleno do concello de Nigrán da luz verde ao pago de 136.481€ a CESPA polos atrasos acumulados dende 2013 a 2015

O Pleno do Concello de Nigrán aprobou onte cos votos a favor do PSOE e do BNG e a abstención dos demais grupos a moción para liquidar os atrasos que o Concello mantén con Cespa dende o ano 2013 a 2015 e que, segundo os informes técnicos, ascende a 136.481€. Asemismo, o goberno comprometeuse a presentar canto antes a revisión de 2016 e 2017, aspecto no que xa están a realizar os cálculos os técnicos.

“O goberno de Nigrán finiquita definitivamente este problema herdado dende 2012 e cumpre así coa obriga legal do Concello de revisar os prezos do contrato con Cespa. Era urxente solucionar isto para protexer aos traballadores e, ao mesmo tempo, non prexudicar ao servizo”, subliña o alcalde, Juan González. De feito, completar esta revisión pendente era un compromiso adquirido no anterior pleno por toda a corporación diante dos traballadores.

O rexedor destaca que se trata da primeira vez que se dan conta destes atrasos con absoluta precisión, “xa que grazas ás achegas realizadas dende tódolos grupos cuantificáronse os ingresos de Cespa obtidos a través do aproveitamento dos SIX (Sistemas Integrados de Xestión, como a reciclaxe de vidro)”. Así, os 136.481 € (IVA incluído) sí responden á cantidade exacta.

“Os contratos están para cumplilos, tanto por parte do Concello como por parte da concesionaria; que non haxa dúbida de que dende o goberno esixiremos e reclamaremos a Cespa todo o que lle corresponda”, engade González, quen confirmou no pleno que se está a traballar nunha “futura reestruturación do servizo sen ningún custe engadido para que o contrato se adecúe a realidade actual, xa que data de 2004 e non se contemplan zonas como Porto do Molle”.

Normas subsidiarias

Tódolos grupos acordaron pospor a proposta de aprobación inicial da modificación número 25 das normas subsidiarias de planeamento ao pleno de marzo para poder incorporar ao expediente un recente informe favorable do secretario e que, deste xeito, o procedemento de tramitación sexa totalmente rigoroso. Así, a vindeira semana o goberno volverá a convocar unha nova Comisión de Urbanismo para que tódolos grupos poidan analizar o documento antes de regresar a Pleno de novo.

O edil de Urbanismo, Diego García, insistiu no pleno en que esta modificación é unha proposta exclusivamente técnica para adaptar ás NNSS á actual Lei do Solo, conta con tódolos informes sectoriais favorables e permitiría rebaixar as restricións aos veciños en aspectos como ampliacións ata un 50% en núcleos rurais, reducir os retranqueos ou relaxar as condicións estéticas. A realidade é que no substantivo, o corpo das NNSS mantívose vixente en Nigrán ao longo de case 30 anos e, polo tanto, ao marxe da constante evolución do marco normativo, identificando os técnicos municipais disfuncións que dificultan obxectivos como a rexeneración e renovación urbana ou rehabilitación e eficiencia enerxética.

“Non se pretende introducir cambios no modelo urbanístico das NNSS, esa tarefa lle corresponde ao PXOM, tampouco se pretende variar a cualificación do solo ou aumentar a intensidade edificatoria. Só se trata de

pequenas correcións puntuais nas NNSS para solucionar contradicións coa normativa autonómica e estatal en vigor e resolver así deficiencias detectadas durante este tempo na oficina municipal de Urbanismo”, resumiu o alcalde, Juan González.

Autoestrada AG-55

A corporación aprobou unha declaración institucional na que se pide á Xunta a supresión das peaxes da Autoestrada do Val Miñor (AG-55), un feito que consideran “de xustiza” porque é a forma máis directa e áxil de chegar a servizos claves como o Hospital Álvaro Cunqueiro, a Universidade de Vigo ou Peinador; impide que funcione como unha circunvalación dos tres concellos; resta competitividade a Porto do Molle ou non canaliza o tráfico de mercadorías coa consecuente perda de seguridade viaria que leva aparellado.