O Pleno esixe do Goberno de España máis voos do Imserso desde Vigo

A moción presentada polo goberno vigués obtivo o respaldo de todos os grupos políticos no Pleno deste mércores. A Corporación reclama do Ministerio de Servizos Sociais máis voos desde Vigo, pois dous de cada tres viaxes aos que opta a poboación viguesa se operan desde Santiago.
Publicado por o día 28/09/2017 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O Pleno esixe do Goberno de España máis voos do Imserso desde Vigo

O Pleno da Corporación aprobou este mércores por unanimidade esta moción presentada polo grupo de goberno, esixindo do Goberno de España que “de xeito inmediato obrigue ás empresas adxudicatarias das viaxes do Imserso a que operen un maior número de voos desde o aeroporto de Vigo, para satisfacer a demanda que se fai desde este territorio”.

Ademais, o acordo adoptado require igualmente que “de modo inmediato, en tanto non se produce este cambio, os autobuses cara outros aeroportos saian tamén desde Vigo”. Este punto responde a que actualmente os usuarios vigueses do Imserso deben desprazarse pola súa conta ata Pontevedra, cidade desde a que un autobús os leva ata o aeroporto de Santiago.

Segundo recolle o texto, dous de cada tres avións do Imserso aos que pode optar a poboación viguesa non parten desde Peinador, senón desde Lavacolla.