O Pleno de Mos aproba inicialmente as expropiacións necesarias para acometer a ampliación do paseo do Louro

Tras a publicación no BOP do acordo plenario, abrirase un período de exposición pública e alegacións de 20 días de duración
Por o 13/02/2018 | Sección: Galicia,Mos
O Pleno de Mos aproba inicialmente as expropiacións necesarias para acometer a ampliación do paseo do Louro

O Pleno da Corporación Municipal mosense aprobou inicialmente por maioría, na sesión ordinaria celebrada o pasado 29 de xaneiro, o proxecto de expropiación da obra para a ampliación da senda fluvial do río Louro, dende o Camiño de Lagoal na parroquia de Louredo.

No proxecto de expropiación aprobado inclúense as parcelas afectadas, os metros afectados de cada parcela, os titulares das mesmas e a valoración económica dos metros cadrados a expropiar. Dito acordo plenario estará en exposición pública durante 20 días dende a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP), período durante o cal os propietarios poderán formular as alegacións que estimen oportunas. A continuación procederase á aprobación definitiva e por último sinatura por parte dos propietarios da acta de ocupación, tras a que se fará efectivo o acto de ocupación das parcelas por parte do Concello, previo pago do importe correspondente aos titulares expropiados. Nese momento os terreos expropiados pasan a ser titularidade do Concello e xa se poderían comezar as obras de ampliación do Paseo do Louro.

O pasado 15 de xaneiro Francisco Marín, presidente da CHMS, e Nidia Arévalo, alcaldesa mosense, asinaron un convenio de colaboración entre a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e o Concello de Mos para o financiamento e execución do devandito proxecto de nova senda fluvial no río Louro, entre o Camiño de Noveleda e o Camiño de Lagoal, parroquia de Louredo.

O obxectivo do proxecto é definir as actuacións necesarias para a ampliación e mellora da ruta fluvial do río Louro, con criterios ambientais e de accesibilidade, valorizando o patrimonio natural e cultural da zona para o goce de veciños/as e visitantes.

En concreto, e dentro das actuacións programadas, proxéctanse dous novos tramos de senda, os cales estarán conectados entre si por itinerarios naturais. O primeiro tramo, de 622 m de lonxitude, parte do Camiño de Lagoal e finaliza onde discorre un sendeiro existente. Este primeiro tramo sitúase fóra do DPH e mellora o acceso ao Muíño Novo e ao Muiño do Lagoal. A uns 150 m deste primeiro tramo, debido á gran pendente do terreo, deseñouse unha adecuación ambiental do carreiro existente, mediante a execución de banzos con materiais naturais, como rollizos de madeira e xabre estabilizado, así como elementos de apoio consistentes en postes de madeira e cordas de agarre. Como alternativa a este tramo máis difícil, proxectouse un ramal de unión cun camiño existente, máis afastado do río, que é máis accesible para as persoas de mobilidade reducida. O segundo tramo, de 150 m, parte do sendeiro existente e permitirá pasear preto do río e chegar á contorna do Muíño Branco, onde a servidume próxima ao río permite o tránsito ao Camiño de Noveleda. O proxecto prevé, ademais, a execución de plantacións de especies vexetais compatibles cos valores naturais da contorna. Os traballos tamén incluirán o desbroce e limpeza do só do entorno respectando o bosque de ribera e especies locais e eliminando especies invasoras, mellorando o contorno. Acometeranse así mesmo solucións de drenaxe para resolver a saída das augas e mellora da sinalización e posta en valor dos elementos patrimoniais abandonados.

No deseño das actuacións tivéronse en conta as directrices do recentemente aprobado PXOM mosense.

O investimento previsto é de 210.000 euros, que será sufragado ao 50% entre ambas Administracións, e o prazo de execución estímase en 4 meses.

As obras levan un procedemento de licitación do que se encarga directamente a Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Organismo que, en base aos seus propios criterios técnicos, ambientais e xurídicos, aprobou o proxecto de ampliación do sendeiro presentado polo Concello e redactado en base aos devanditos criterios.

Os obxectivos da actuación son dar continuidade á senda fluvial actual de 3 km, entre o Camiño da Gata e o Camiño de Noveleda. O novo tramo de senda fluvial facilita a accesibilidade peonil dende o Camiño de Noveleda ata o Camiño Lagoal nunha lonxitude dun 1 km.

As condicións da actuación marcadas pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil esixiron deseñar unha senda fluvial fóra do Dominio Público Hidráulico.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.