Pleno de Nigrán por unanimidade aproba declaración de zona gravemente afectada pola vaga de lumes

Publicado por o día 27/10/2017 na sección de Galicia,Nigrán

Pleno de Nigrán por unanimidade aproba declaración de zona gravemente afectada pola vaga de lumes

O Concello de Nigrán, co apoio unánime de toda a corporación e a proposta do goberno, aprobou onte no pleno unha declaración institucional sobre os terribles incendios do 15 de outubro e unha moción para pedir ao Consello de Ministros a declaración de zona afectada gravemente por unha emerxencia. O goberno quixo trasladar os dous asuntos ao Pleno para que, precisamente, fose asumida por toda a corporación ante a magnitude da situación.

Declaración Institucional

A Corporación Municipal de Nigrán quere expresar unanimemente o seu pesar pola morte de Maximina Iglesias Iglesias e Ángela Otero Otero, veciñas de Chandebrito que perderon a vida no terrible incendio que asolou á parroquia o domingo 15 de outubro, polo que, en representación de toda a veciñanza, desexa deixar constancia da súa condolencia ás familias e amizades das vítimas.

Asi mesmo, a Corporación Municipal de Nigrán quere agradecer publicamente o traballo na loita contra o lume no municipio de Policía Local, Grupo de Emerxencia Supramunicipal (GES), Protección Civil, Guardia Civil, Policía Nacional, Cespa, Aqualia, operarios municipais, decenas de empresas e, sobre todo, á veciñanza de Nigrán, que non dubidou en saír a rúa para sufocar as chamas ou aportar a súa axuda aos afectados. Sen dúbida, e ante a falla de medios de extinción externos, o traballo conxunto de todos eles evitou que Nigrán vivise unha traxedia humana e medioambiental aínda maior. Tralo vivido estes días, a Corporación Municipal quere recoñecer o coraxe, espírito solidario e compromiso inquebrantable da veciñanza coa súa contorna, feito do que sentírmonos todos orgullosos e que forma parte da identidade do noso pobo.

Finalmente, a Corporación Municipal de Nigrán traslada a súa enérxica repulsa e condena a calquera acto incendiario intencionado e pide a máxima colaboración cidadá para avanzar na investigación sobre a orixe destes terribles lumes.